O programa ambiental ‘Verán en Belvís’, impulsado polo Concello de Santiago, permitiu que un total de 473 persoas se achegasen aos espazos verdes da cidade durante os meses de xullo, agosto e setembro. A iniciativa tiña como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a importancia da xestión sostible dos espazos verdes e destacar os beneficios que estes aportan ao medio ambiente e á calidade de vida.
Ao longo de 41 xornadas, o programa desenvolveu 16 obradoiros e 25 roteiros que permitiron aos participantes, de todas as idades, redescubrir a biodiversidade de Compostela. Estas actividades estiveron organizadas por PreZero, a concesionaria do servizo de mantemento dos espazos verdes, e tiveron lugar no Centro de Información dos Parques e Xardíns de Compostela (CIPX), localizado no parque de Belvís.
Os obradoiros centraronse en temas como as plantas medicinais e culinarias, as carballeiras da contorna e a horticultura creativa en espazos pequenos. Ademais, destacouse a construción de hoteis para insectos como unha ferramenta clave para apoiar a biodiversidade local.
Ademais dos obradoiros, o programa incluíu 25 roteiros que percorreron algúns dos espazos naturais máis emblemáticos da cidade. Os participantes puideron explorar itinerarios como Belvís-Banquete de Conxo, Monte Pedroso, ou Galeras-Ponte Sarela, entre outros. Estas camiñadas serviron para achegar a natureza urbana aos composteláns e fomentar o respecto polos ecosistemas locais.