6 septiembre, 2024
O Monte do Gozo converterase esta fin de semana no epicentro do baloncesto galego coa celebración do Torneo Go!Go!Zo! 3×3, que contará coa participación de preto de 300 xogadores e xogadoras. Este evento, organizado polo festival Go!Go!Zo! en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto (FEGABA), desenvolverase durante os días venres 7 e sábado 8 de setembro, comezando ás 9:00 da mañá e prolongándose ata a noite, ofrecendo ademais unha ampla variedade de actividades para toda a familia.
Esta mañá tivo lugar a presentación oficial do torneo na praza central do Complexo do Monte do Gozo, onde estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o representante da organización de Go!Go!Zo!, Julio Asorey, e a delegada da FEGABA en Santiago de Compostela, Begoña del Río. Durante a súa intervención, Asorey destacou o apoio recibido pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como da propia FEGABA. «Este proxecto, que se celebra por primeira vez, tivo unha enorme acollida, con todas as prazas esgotadas semanas antes do evento», sinalou Asorey, subliñando a aposta pola promoción do deporte entre a mocidade.
Valentín García, pola súa parte, resaltou o valor desta iniciativa, que non só fomenta a práctica deportiva, senón que tamén promove o uso da lingua galega entre os máis novos. “É unha actividade atractiva e novidosa que combina lingua, deporte, mocidade e tempo de lecer, cun enfoque claro en dinamizar e promover o galego”, explicou García. A participación da Rede de Dinamización Lingüística, a través do Espazo FalaRedes, será clave para dar visibilidade á lingua galega no marco deste torneo.
Begoña del Río, delegada da FEGABA, tamén eloxiou a iniciativa, destacando o baloncesto 3×3 como unha modalidade en pleno auxe que está a gañar popularidade tanto entre os máis novos como no ámbito profesional. “O deporte, a nosa lingua e as actividades de lecer conforman unha combinación perfecta. Agradecemos á Xunta de Galicia e a Go!Go!Zo! a súa aposta polo baloncesto e polos valores que este deporte aporta”, afirmou del Río.
O Torneo Go!Go!Zo! 3×3 está deseñado para xogadores de todas as idades, desde a categoría Premini ata a Sénior, e contará con equipos masculinos, femininos e mixtos, tanto federados como non federados. Os equipos competirán por medallas para os gañadores e subcampións, nun evento que busca fomentar a participación e a diversión nun ambiente saudable e inclusivo.
Ademais da competición principal, o evento ofrecerá unha ampla gama de actividades paralelas. Entre elas, destaca o «Partido das Estrelas», onde xogarán figuras recoñecidas do baloncesto galego, así como concursos de triplas e habilidades que engadirán emoción á xornada. Para os máis pequenos, estarán dispoñibles catro espazos diferentes, incluíndo inchables e animación. O Escenario Xacobeo acollerá sesións de DJ, mentres que o Espazo FalaRedes ofrecerá actividades culturais e concertos como Cantigaéverso o sábado 7 ás 11:45 horas, e María Faltri Picadiscos o domingo 8 ás 12:45 horas.
Para aqueles que desexen quedar a comer, o evento contará cunha zona de restauración con parrilladas e outras opcións gastronómicas, que poden ser reservadas previamente. Durante todo o festival, realizaranse sorteos e agasallos cortesía de patrocinadores como La Pepita, Gonzaba e Carrís Hoteles, que ofrecerán premios que inclúen ceas e unha fin de semana en Porto para catro persoas.
Esta competición enmárcase dentro da cuarta edición do festival Go!Go!Zo!, un evento que comezou o pasado 1 de xuño e que levou a música en galego por diversas localidades do Camiño Francés, como Melide, Arzúa e Sarria. O festival concluirá o 22 de setembro coa Macroactuación da Casa do Rock, na que centos de músicos interpretarán grandes éxitos do rock adaptados á lingua galega.
O Torneo Go!Go!Zo! é unha oportunidade única para combinar deporte, música e cultura nun ambiente festivo, co apoio da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e diversas empresas colaboradoras, como ABANCA, Gadis e Estrella Galicia. Toda a información sobre o torneo e as actividades do festival está dispoñible en www.gogozo.gal e nas redes sociais de Go!Go!Zo! e FEGABA.