2 mayo, 2024
O Salón de Actos da Facultade de Filoloxía acolle a partir das 10.30 horas a Olimpíada ‘Trocando linguas’, onde se presentarán os resultados dunha investigación sobre os repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística dos diferentes concellos levada a cabo por estudantes dos IES Manuel Murguía, Perdouro e do Milladoiro.
Esta experiencia enmárcase no proxecto de investigación EquilinGalicia: Espazos de transformación sociolingüística no contexto educativo galego: axencia dos falantes, repertorios multilingües e prácticas (meta)comunicativas, que busca o intercambio de experiencias lingüísticas interxeracionais e reflexionar sobre a intermediación lingüística nos contextos multilingües actuais.
«As actividades do proxecto organízanse metodoloxicamente en torno á chamada ciencia cidadá orientada á comprensión da vida social e, por tanto, tamén da presenza das linguas nos diferentes espazos públicos que nos rodean na vida cotiá; neste caso, a diversidade lingüística dos diferentes centros educativos e concellos de Galicia», sinalan.
Durante dita investigación, os estudantes estiveron acompañados polas docentes Patricia Calviño, Cathia Capelán, Valentina Formoso, Mª Jesús Mourín, Bernardo Penabade e Teresa Seara xunto coas investigadoras da USC, María Caamaño, Marta Estévez, Gabriela Prego e Luz Zas, que desenvolveron un minucioso traballo etnográfico en distintas fases e con diversas actividades como xogos lingüísticos, dramatizacións, entrevistas na rúa ou faladoiros coas persoas maiores.
Ademais, na investigación e accións cidadás na rúa participou un grupo de persoas con traxectorias migratorias e repertorios lingüísticos diversos coordinados pola educadora-animadora social da Concellaría de Maiores, Asuntos Sociais e Participación Cidadá do Concello de Arteixo, Pitusa Vaamonde.
O evento, que contará coa presenza do decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijo Torres, tamén se retransmitirá en vivo a través de Youtube.