O martes, 2 de decembro, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación da novela «La gratitud de los delfines» de Xosé Manuel Villanueva. No acto participarán:
Xosé Manuel Villanueva, autor da obra
Darío Villanueva, Ex-Reitor da USC e académico da RAE
José Manuel González Herrán, Directivo do Ateneo de Santiago
La gratitud de los delfines é unha novela envolvente que narra a historia de dous amigos da infancia: Víctor, escritor de vocación, xornalista de profesión e navegante aficionado, e Magda, brillante licenciada en medicina a punto de completar a súa tese doutoral. As súas biografías e actitudes desvelan unha historia de crecemento que deixa pegada. Dúas cidades e as súas extensións marítimas: Santiago de Compostela e a ría de Arousa; e Estocolmo e as illas do seu arquipélago no mar Báltico. Dúas contornas de traballo: un xornal ocupado da política e o urbanismo municipais, e un instituto de investigación médica onde tamén se crían ratos transxénicos para a experimentación biolóxica. Dous proxectos de vida marcados pola deformidade, a amizade e o amor. Unha crónica de superación, lealdade e resistencia fronte ao medo, a crueldade da natureza e o acaso.
Xosé Manuel Villanueva (Lugo, 1959) é Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionario de administración da mesma dende 1987, onde desempeñou diversos cargos de responsabilidade, como o de xerente. Entre 1991 e 1999 foi Tenente de Alcalde do Concello de Santiago de Compostela e entre 2005 e 2012 Xerente do Consorcio da Cidade. Tamén é patrón da Fundación MENIÑOS, de protección á infancia, dende 2000, e foi colaborador da edición de Galicia do diario El País. Como escritor, publicou dúas novelas en galego, Adeus India, Adeus e Cuarteto con Piano, ambas as dúas publicadas tamén en castelán. En 2001, recibiu o premio á creación literaria da Fundación Premios da Crítica de Galicia.




