4 julio, 2024
O Concello de Santiago informou acerca das modificacións que terán lugar no tráfico e no servizo de transporgte urbano debido á celebración do Gozo Festival este sábado 6 de xullo.
Así, desde as 12:00 horas, pecharase á circulación a rúa das Estrelas, que quedará cortada ao tráfico dende a rotonda coa rúa de Fernando Casas Novoa (debaixo da SC-20), excepto para vehículos de emerxencia. Os/as residentes da parte dereita subindo pola rúa das Estrelas deberán acceder aos seus domicilios por Aríns. Os da parte esquerda, pola N-634 e Agra dos Campos (Los Abetos), do mesmo xeito que os/as clientes do Hotel Los Abetos.
A rúa do Gozo tamén quedará cortada ao tráfico desde a confluencia coa rúa San Marcos ata a confluencia coa N-634, excepto para residentes, transporte público e organización.
O acceso á rúa San Martiño desde a N-634 tamén quedará cortado, excepto para os/as clientes do Hotel Los Abetos, residentes e organización.
ESTACIONAMENTO
Estará prohibido estacionar na avenida Fernando Casas Novoa e en San Lázaro (Bodeguilla) desde as 08:00 horas do sábado, 6 de xullo, ata finalizar o concerto. Tamén quedará prohibido o estacionamento de vehículos na rúa das Estrelas, rúa do Gozo, rúa San Marcos e Santa Eulalia de Bando.
Utilizaranse como áreas de estacionamento o estadio Verónica Boquete e a Cidade da Cultura.
As persoas con mobilidade reducida deberán acceder ao concerto pola rúa do Gozo, e terán reservadas prazas de estacionamento no parking do hotel Monte do Gozo.
TRANSPORTE URBANO
En canto ao transporte urbano, habilitaranse dous servizos lanzadeira, un desde o centro da cidade e outro desde a Cidade da Cultura, que funcionarán o día 6 de xullo a partir das 15:00 horas, de forma continuada ata o acceso ao Monte do Gozo. Os servizos de volta arrincarán ás 22:00 horas. A partir das 22:00 horas, as lanzadeiras realizarán exclusivamente viaxes de volta desde os puntos de saída próximos ao Monte do Gozo ata o centro da cidade e ata a área de estacionamento da Cidade da Cultura.
A liña especial 1 terá como punto de saída as dársenas da Cidade da Cultura. O punto de saída dos servizos de volta a partir das 22:00 horas será a rúa de San Lázaro nº 104, confluencia coa rúa de Miguel Ferro Caaveiro.
A liña especial 2 terá como punto de saída a Estación Intermodal, nas dársenas da 21 á 25. O punto de saída dos servizos de volta a partir das 22:00 horas será a avenida de Fernando Casas Novoa, confluencia coa SC-20.
Ademais, os/as asistentes ao concerto dispoñen doutras dúas liñas do transporte urbano, a 6 e a 7, para achegarse ata o Monte do Gozo:
A liña 6 (Os Tilos – San Marcos) realiza paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (zona Costa de San Marcos e Hotel Santiago Apóstol). Nesta liña, con servizos ata as 23:00, as frecuencias serán de 20 minutos o sábado pola mañá e de 30 minutos pola tarde. As paradas máis céntricas para o acceso á liña 6 son: (691) rúa do Hórreo (estación Intermodal), (276) rúa do Hórreo (Parlamento), (277) rúa do Hórreo nº 23, (228) rúa da Ensinanza e (662) rúa da Virxe da Cerca nº 10. A parada máis próxima ao estadio de San Lázaro para acceder a esta liña é a 562, rúa de San Lázaro nº 82.
A liña 7 (Valle Inclán – Aríns) conta tamén con paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (cruzamento da rúa Senande con San Martiño) nos servizos con destino Aríns. Terá unha frecuencia de 60 minutos o sábado, con servizos ata as 22:00. As paradas máis céntricas para acceder á liña 7 son: (637) rúa de Valle-Inclán (dársena de autobuses), (660) rúa de Virxe da Cerca (Praza de Abastos), (247) rúa de Fonte de Santo Antonio nº 3 e (410) praza de Galicia nº 3.
TAXIS
Permitirase o paso dos taxis polos puntos de corte sempre que leven pasaxeiros con algunha discapacidade que poida ser acreditada. A rúa das Estrelas estará completamente restrinxida ao tráfico (todos os vehículos incluídos taxis), excepto vehículos de emerxencia.