20 septiembre, 2024
No marco da Semana Europea da Mobilidade, nenos e nenas dos CEIPs Quiroga Palacios, Vite I, Raíña Fabiola, López Ferreiro, Ramón Cabanillas e Pío XII participaron hoxe no «Día de camiñar ao cole». Esta iniciativa ten como obxectivo concienciar ás familias das vantaxes de ir camiñando á escola, tanto para o alumnado como para o conxunto da cidade. No percorrido, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e a concelleira de Educación, Miriam Louzao, acompañaron aos nenos e nenas do Pío XII.
O departamento de Educación Viaria da Policía Local organizou puntos de encontro para cada un dos colexios participantes. Ademais, Protección Civil colaborou na seguridade e acompañamento do alumnado durante os percorridos.
Xan Duro destacou os beneficios de ir camiñando ao colexio, subliñando que esta práctica «supón gañar saúde para os nenos e as nenas, pero tamén gaña o conxunto da cidade en termos ambientais e de saúde pública». O edil fixo fincapé en que é importante que as crianzas «perciban que é fácil e seguro ir andando, e que mesmo é máis agradable para elas porque lles permite compartir ese tempo».
Pola súa parte, Miriam Louzao resaltou a importancia de crear desde cedo unha consciencia sobre a mobilidade sostible. “É fundamental que os nenos e nenas entendan que os desprazamentos a pé non só permiten coñecer mellor a cidade, senón que tamén favorecen a súa socialización ao chegar ao colexio», apuntou a concelleira de Educación.
SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE
A Semana Europea da Mobilidade, que se celebra baixo o lema «Espazo público compartido», busca sensibilizar á poboación sobre a necesidade de recuperar o espazo ocupado polos vehículos privados. A campaña promove o uso de modos de transporte máis sostibles, como o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé, subliñando os beneficios que isto ten para o medio ambiente e a saúde pública.