30 abril, 2024
Coa chegada da época estival á capital compostelá, tamén farán o propio os Clubs de Verán, unha iniciativa promovida pola Concellaría de Centros Socioculturais e que terá lugar en 15 centros, 8 deles na zona urbana e 7 no rural, no mes de xullo. En total, serán ofertadas 425 prazas para nenos e nenas desde os tres ata os 18 anos, dependendo do centro e da actividade en particular.
«É moi ambiciosa tanto nos números como nos proxectos, porque falamos dunha iniciativa que chegará a 15 centros, que ofrece alternativas adaptadas para unha franxa de idade moi ampla, e na que se traballarán temáticas moi diversas, abordadas dun xeito lúdico e educativo», explicou o concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, na presentación deste proxecto. «Os Clubs de Verán pretenden ser unha alternativa para as familias no mes de xullo, xa que ainda que o horario das actividades é de 10 a 14 horas, a maioría dos centros ofertan horario extensivo desde as 8 da mañá ata as 3 da tarde». Duro destacou tamén que a programación está deseñada «para ser moi participativa, para que sexa a propia cativada a que vaia dirixindo as actividades, nas que a priroidade será fomentar a convivencia con xogos, xincanas, obradoiros ou saídas pola contorna dos propios centros».
CENTROS URBANOS
Oito centros da zona urbana acollerán Clubs de Verán que sumarán ata 245 prazas. Na Pontepedriña, Castiñeiriño e Vite traballarase sobre cuestións relacionadas coa interculturalidade e o coñecemento da propia cidade e do barrio; en Fontiñas as actividades estarán enfocadas no medio ambiente; Santa Marta apostará polas actividades artísticas e no Romaño estará adicado aos vikingos. En Conxo traballarase a partir dos diferentes clubs que xa existen vinculados ao centro sociocultural, e no Ensanche haberá unha dobre oferta: as mañás de aventuras para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, e o campamento tecnolóxico dirixido á cativada de entre 12 e 16 anos, ofrecéndolles a posibilidade de achegarse á robótica e á programación con ferramentas como Scratch ou Arduíno.
CENTROS DO RURAL
Respecto aos centros socioculturais do rural, os Clubs de Verán chegarán a sete deles: na Gracia, Bando e Marrozos haberá as chamadas «cativadas medioambientais»; en Lavacolla e Laraño serán «cativadas teatreiras», e en Figueiras e Nemenzo, desenvolveránse «cativas artísticas». En total, ofértanse 180 prazas, sendo 20 máis que en anteriores edicións.