28 mayo, 2024
Como parte de ‘Compostela máis solidaria’, un evento que busca crear conciencia sobre as realidades das persoas migrantes na nosa comunidade, a capital galega acollerá toda unha serie de actividades que arrancan este mesmo mércores cun encontro con ONGs que están a desenvolver diferentes proxectos apoiados polo Concello de Santiago, a través da súa liña de subvencións á cooperación ao desenvolvemento.
Esta actividade, que leva por lema «Compostela co Sur Global», terá lugar no edificio Cersia de San Lázaro a partir das 16:30 horas, e contará coa participación da Asamblea de Cooperación pola Paz, e a súa socia REDES de O Salvador; Solidariedade Internacional e a súa socia Siembra, de Guatemala; Arquitectura sen Fronteiras, a Fundación Vicente Ferrer, SED e PROYDE.
«‘Compostela máis solidaria’ é unha proposta de sensibilización arredor das realidades migrantes que forman parte da nosa contorna e das que, como sociedade, non sempre somos conscientes. Nesta edición, o programa pón o foco na necesidade de termos información veraz e de primeira man fronte aos bulos, que no que tén que ver coa cooperación e a poboación migrante adoitan traducirse en máis intolerancia», destacou o Concello a través dun comunicado, no que tamén destaca que este «foi pioneiro en 2016 na convocatoria dunha liña de subvencións de cooperación, e para este ano a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais prevé destinar un orzamento de 300.000 euros á nova convocatoria de axuda».