27 mayo, 2024
Chegar a comprender a relación molecular que existe entre os xenes e os estímulos externos é a base sobre a que se asenta o proxecto EUTERPE_adn, ‘Rede transfronteiriza para o estudo da música como terapia nas enfermidades neuropsicomotoras e o envellecemento: unha aproximación dende a expresión xenética e a neuropsicoloxía’. O proxecto acaba de recibir un millón de euros de financiamento a través do programa Interreg POCTEP —unha iniciativa de cooperación entre España e Portugal apoiada pola UE—, e ten como obxectivo principal explorar o impacto terapéutico da música en persoas maiores e nas que presentan deterioro cognitivo e dano cerebral.
Esta mañá tivo lugar no Hospital Clínico de Santiago a reunión de inicio con todos os socios participantes, que foi inaugurada polo reitor da USC, Antonio López, o xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Angel Facio, e a directora científica do IDIS, Luz Couce, coa asistencia de representantes dos concellos nos que se vai desenvolver e das asociacións de doentes e institucións participantes.
EUTERPE_adn, acrónimo que fai referencia tanto á musa grega da música como á xenética, acometerá desafíos comúns para Galicia e o Norte de Portugal como é o caso do envellecemento, o despoboamento e a exclusión social. Ao aproveitar o poder terapéutico da música, o proxecto ten como obxectivo mellorar o benestar e a calidade de vida de persoas con demencia/alzhéimer ou dano cerebral, así como en persoas maiores. En colaboración coa Universidade do Minho, o consorcio combina a experiencia en investigación biomédica coa terapia musical.
A Casa da Música do Porto e a Asociación Músicos ao Vivo súmanse ao proxecto xunto co traballo coordinado de asociacións de pacientes como a Asociación de Dano Cerebral de Compostela (SARELA), a Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzhéimer (AGADEA), a Santa Casa da Misericordia de Porto e a Associação Portuguesa de Familiares e Amigos de Doentes de Alzhéimer.
Sensoxenoma
EUTERPE_adn é unha prolongación de Sensoxenoma, o proxecto impulsado polo grupo GenPoB/GenVip composto por medio cento de investigadores/as e liderado por Antonio Salas Ellacuriaga e por Federico Martinón Torres, do IDIS. Nos anos 2022 e 2023, o equipo organizou unha serie de concertos experimentais en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia (RFG) e coa participación de centos de doantes e asociacións de pacientes como SARELA, COGAMI, AGADEA, SARAIVA, ASPANAES, ASPERGA, ONCE, Asociación de Persoas Xordas de Galicia ou Down Compostela, entre outras.
A bagaxe adquirida en Sensoxenoma ascende agora un novo chanzo con EUTERPE_adn, no que se levarán a cabo estudos detallados e exhaustivos que poderían cambiar a forma en que se aborda a terapia musical e o seu impacto na saúde. Durante os últimos dous anos, lográronse avances reseñables que superaron todas as expectativas: capturouse o sinal xenómico en resposta ao estímulo musical, demostrouse que os pacientes con deterioro cognitivo mostran unha resposta máis intensa e observouse unha expresión compensatoria dos xenes nestes pacientes en comparación coa enfermidade de Alzhéimer. EUTERPE representa un importante pulo á aposta científica de Sensoxenoma, un proxecto na fronteira do coñecemento que busca entender a relación molecular que existe entre os nosos xenes e algo tan trivial e cotián como os estímulos externos e as emocións.
Estudo lonxitudinal en tres anos
Este proxecto non só busca fomentar a interacción social e a medicina personalizada a través da terapia musical non farmacolóxica, senón que tamén representa un esforzo pioneiro para abordar desafíos sociais mediante a xenómica e a neuro-psicoloxía xuntas. Trátase dun estudo lonxitudinal de máis de 60 sesións e con cinco recollidas de mostras biolóxicas e avaliacións neuropsicolóxicas.
Cun enfoque interdisciplinario e unha dotación financeira significativa, EUTERPE_adn perfílase como un proxecto que promete transformar a forma en que se abordan as enfermidades neuro-psicomotoras e o envellecemento en Galicia. Por primeira vez, realizaranse estudos lonxitudinais no marco de Sensoxenoma, incluíndo un ensaio clínico aleatorio, o que permitirá investigar o impacto dos estímulos a longo prazo e profundar nas bases moleculares que sustentan os beneficios da música no ámbito da saúde e a enfermidade. Os achados poderían ser relevantes para outros grupos vulnerables cos que o equipo tamén está a traballar.
Para iso, van levar a cabo talleres de música durante un curso completo, con músicos profesionais e con experiencia en atención á diversidade, da Cooperativa de Músicos ao Vivo e a Casa da Música do Porto. A intervención musical estará baseada na escoita de diferentes tipos de música, a investigación das músicas da súa vida, o canto a través dun coro, a improvisación musical ou facer música en grupo. Un obxectivo que persegue este proxecto de investigación lonxitudinal, é poder estudar os beneficios de diferentes actividades musicais a diferentes niveis biomédicos. Por iso realizaranse 5 avaliacións, a primeira xa neste próximo mes de xuño, para estudar o impacto da música na saúde e o benestar das persoas.
O grupo de investigación neuropsicolóxica da Universidade do Minho realizará unha avaliación da deterioración cognitiva, psicomotor, a comunicación, a calidade de vida ou o benestar emocional, entre outros, antes de que comece a intervención musical e noutros catro momentos durante o próximo curso escolar. Do mesmo xeito, os impulsores deste proxecto, o equipo Sensoxenoma do IDIS, liderado por Federico Martinón, Antonio Salgas e Laura Navarro, levarán a cabo a recollida de mostras biolóxicas (de sangue e saliva) para realizar un estudo do impacto da música a través da expresión dos xenes.
Douscentos pacientes de sete centros
Tras o éxito dos concertos experimentais de Sensoxenoma, interpretados pola Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia, EUTERPE_adn, supón o primeiro estudo lonxitudinal, marcando un antes e un despois na investigación da música como terapia non farmacolóxica. Más de douscentos pacientes distribuídos en sete centros van ser beneficiarios e á vez protagonistas dun avance científico pioneiro en todo o mundo.
Os obradoiros vanse desenvolver en tres centros da Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzhéimer (AGADEA) en Vedra, Rianxo e A Estrada, e na sede de Asociación de Dano Cerebral de Compostela (SARELA) en Santiago de Compostela. En Portugal, realizaranse en dúas residencias da Santa Casa da Misericordia do Porto e na casa dá Memoria de Mim de Matosinhos (Associação Portuguesa de Familiares e Amigos de Doentes de Alzhéimer).
O proxecto ten unha duración de tres anos, e tras a programación musical e o deseño dos protocolos biomédicos, agora en xuño comeza o recrutamento de participantes e a primeira avaliación neurospicolóxica, así como a primeira recollida das mostras biolóxicas (sangue a través dunha pequena punción capilar nun dedo, e saliva a través dun frotis bucodental). En outubro comezarán os talleres de música nos sete centros, a razón de dous días á semana. O estudo culminará coa publicación dos resultados, así como os materiais utilizados, e un Libro Blanco.