18 junio, 2024
A actividade gandeira supón unha preocupación ambiental crecente, sendo unha fonte significativa de contaminantes do aire, o solo e a auga. Esta representa máis do 15 % das emisións totais de gases de efecto invernadoiro da UE e é un factor clave na perda de biodiversidade en Europa. Un dos aspectos máis preocupantes é a xestión dos xurros e a carencia de medidas e políticas específicas.
Para abordar estes retos en Europa, xorde o proxecto Nutritive, que busca desenvolver unha ferramenta de toma de decisións capaz de definir a estratexia de xestión do esterco máis eficiente e sostible para cada explotación gandeira. A USC participa neste proxecto a través dun equipo de investigadoras do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) do Departamento de Enxeñaría Química, pertencente ao grupo de Biotecnoloxía Ambiental.
Con un financiamento de sete millóns de euros da Unión Europea a través do programa Horizon Europe, NUTRITIVE terá en conta aspectos medioambientais, económicos e sociais para minimizar as emisións atmosféricas e garantir a calidade do solo e da auga. Os resultados permitirán formular directrices e recomendacións técnicas para as futuras políticas europeas en materia de xestión de xurros.
O proxecto Nutritive arrancou este luns en Vilalba nunha xuntanza presidida pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez, á que asistiron máis de 50 persoas entre gandeiros e gandeiras, representantes do sector agroalimentario, centros de investigación, administración pública, empresas tecnolóxicas e investidores.
Neste senso, este ambicioso proxecto, coordinado pola consultora luguesa Medrar Innovation Office S.L., reúne un consorcio de 18 entidades europeas e 4 chinesas. A participación da USC está representada por investigadoras de CRETUS, que abordarán tres tarefas concretas.
En primeiro lugar, a profesora Sara González-García, investigadora principal do proxecto na USC, coordinará xunto co catedrático Gumersindo Feijoo a análise da sostibilidade das diversas estratexias e tecnoloxías de xestión de xurros, demostrando os seus beneficios. Analizarán o futuro da xestión de xurros a longo prazo, considerando variacións temporais que poidan afectar a implantación de novas tecnoloxías, como previsións de produción, avances tecnolóxicos e científicos, cambios socioeconómicos e climáticos, e aspectos socio-políticos.
Por outra banda a profesora Marta Carballa liderará a eliminación de contaminantes emerxentes durante o tratamento de xurros, co apoio da investigadora Ramón y Cajal Sabela Balboa. Este equipo avaliará diferentes estratexias para maximizar a eliminación de antibióticos e patóxenos, así como a redución de bacterias e xenes resistentes a antibióticos durante a dixestión anaerobia de xurros, empregando modificacións de temperatura e distintas tecnoloxías de reactores con ou sen aditivos.
Finalmente, a eliminación e recuperación de nitróxeno presente en xurros será obxecto do traballo da catedrática Anuska Mosquera, xunto coa investigadora posdoutoral Alba Pedrouso e a profesora Ángeles Val. Este equipo centrará as súas actividades na eliminación de nitróxeno cando a produción de xurro non permita a súa xestión como fertilizante, empregando procesos autótrofos que non precisan materia orgánica. A recuperación de nitróxeno realizarase mediante a produción de biomasa bacteriana de bacterias fotótrofas púrpura, que teñen un elevado contido en nitróxeno e poden ser usadas como fertilizante.
Ademais da USC e Medrar, Galicia está representada no proxecto polo Grupo Aresa (Lugo) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña) da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Nutritive foi unha proposta elaborada polas investigadoras egresadas de CRETUS, Lucía Argiz e Leticia Regueiro, que actualmente traballan na coordinadora Medrar.