6 agosto, 2024
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a campaña «Feito en Santiago», unha acción enmarcada no programa «Compostela Móvese» de apoio á cultura emprendedora que ten como obxectivo poñer en valor as iniciativas empresariais locais que contribúen ao desenvolvemento económico do municipio.
Co propósito de destacar as empresas e pequenos negocios que axudan a construír cidade, a concellaría de Promoción Económica lanza unha campaña de comunicación baixo o lema «Feito en Santiago» que busca crear unha imaxe de marca que fomente o emprendemento e o asentamento de novos proxectos en Santiago, dando a coñecer entre a veciñanza os valores engadidos destas iniciativas empresariais.
Aliñada cos obxectivos do programa Compostela Móvese e coa Axenda Urbana 2030, a campaña xira ao redor do lema «Feito en Santiago» e as súas variantes «Faino en Santiago», «Faise en Santiago» e «Fanse en Santiago». A imaxe de marca, moderna e limpa, destaca o nome de «Santiago» subliñándoo con diferentes cores, cada unha asociada a unha área de impacto: amarelo para proxectos que impulsan a economía local; vermello para os que dignifican a vida cidadá; azul para os que contribúen á cohesión social; morado para a promoción da educación, patrimonio e arte; laranxa para iniciativas sobre mobilidade e territorio; e verde para emprendementos que apostan pola sustentabilidade e transición verde.
A campaña de comunicación levarase a cabo entre agosto e novembro, promocionando ata 30 iniciativas empresariais e institucionais vinculadas ao desenvolvemento económico en Santiago de Compostela. Procúrase así promover sectores estratéxicos para a economía local, como a biotecnoloxía e as ciencias da saúde; a transformación da madeira; a economía social vinculada ao terceiro sector; as industrias do turismo; as industrias culturais e creativas; a economía circular; a economía de proximidade, e a silver economy.
Neste senso, os proxectos participantes nesta campaña considéranse exemplos de boas prácticas en diversas iniciativas xa executadas pola Oficina de Promoción Económica. Inclúense empresas galardoadas nas dúas edicións dos Premios á Excelencia Empresarial da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e compañías destacadas polo seu bo facer en programas de formación para o emprendemento, competencias dixitais, conciliación, economía social e fomento da innovación, como as actividades da EDUSI executadas en 2023.
Por outra banda, «Feito en Santiago» empregarase nas redes sociais do CERSIA (@cersiaempresa) e da Axenda Urbana 2030 de Santiago (@axendaurbana2030santiago), co fin de visibilizar e construír unha Compostela emprendedora e innovadora. Durante a campaña, presentaráselle ao público as distintas propostas que dinamizan a economía local, demostrando que a nosa cidade é un lugar para crear, deseñar, enxeñar, idear, imaxinar, investigar, proxectar e soñar.
«Este proxecto da Área de Promoción Económica municipal forma parte das iniciativas que na actualidade se están a executar para a actualización, execución, divulgación e impulso da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, na súa Dimensión 1, que se corresponde coa Diversificación Económica, na liña «Santiago cidade emprendedora». Defínese pola procura da «produtividade local, a xeración de emprego e a dinamización e diversificación da actividade económica da cidade, apostando pola innovación, a tecnoloxía, a cultura e a economía circular», sinalou o Concello.