13 agosto, 2024
As actividades formativas do ciclo «Faino en Santiago», un total de 50 propostas que suman 476 horas de formación, incluíndo cursos de teleformación, pílulas autoformativas, obradoiros prácticos, encontros informais e visitas a empresas, comezarán o próximo día 10 de setembro e desenvolveranse ata novembro.
As temáticas a abordar divídense en 8 grandes áreas: ferramentas de xestión empresarial e novidades lexislativas; xestión económico-financeira das pemes; comercialización e marketing; economía circular; dixitalización; incorporación da perspectiva de xénero na xestión empresarial; xestión de persoas; e visitas a empresas.
O programa, que forma parte das accións codeseñadas no ámbito do Consello Económico e Social de Santiago, pretende mellorar e actualizar o coñecemento en materias útiles para os procesos de xestión empresarial e laboral do tecido empresarial de Santiago. A formación está especialmente dirixida ao persoal directivo, de xerencia, propiedade, e persoal laboral de empresas que teñan a súa sede e un centro de actividade en Compostela. Tamén poden participar persoas en activo ou en situación de desemprego. Todas as actividades son de balde.
Na modalidade de teleformación están previstas 29 actividades diferentes, desde o 10 de setembro ata o 13 de novembro. Nelas abordaranse temáticas moi diversas como financiamento, atención á clientela, ferramentas de xestión, reciclaxe, prevención do acoso sexual no traballo, ou marketing e ferramentas dixitais.
En canto á modalidade presencial, están previstas 15 accións formativas sobre temáticas variadas. Así, abordaranse cuestións como os procedementos para solicitar fondos europeos Next Generation desde as empresas, as liñas de apoio financeiro, os sistemas de cotización para persoas autónomas, ou as claves para a implantación de plans de igualdade nas empresas.