2 agosto, 2024
Iniciado no pasado mes de abril, o programa piloto de préstamo de bicicletas eléctricas éBiCi USC rexistrou preto de 1.000 usuarios desde o seu inicio, cun total de máis de 2.500 préstamos realizados para a comunidade universitaria e unha moi positiva valoración do programa por parte de máis do 96% dos usuarios.
Neste senso, máis do 73% dos usuarios non tiveron incidencias ao utilizar o servizo, e aqueles que as tiveron valoraron positivamente ou moi positivamente o tempo de resposta, a atención recibida e a resolución das incidencias. Tamén durante esta fase piloto, máis do 84% dos usuarios foron estudantes, mentres que a estación da Biblioteca Concepción Arenal foi a que rexistrou máis préstamos tanto como estación de orixe como de destino.
O xerente Javier Ferreira e o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, foron os encargados de presentar os datos desta primeira fase da iniciativa nun acto celebrado o venres na pista de baloncesto da USC.
A USC, que unha vez finalizada esta fase piloto pretende consolidar e ampliar a oferta de bicicletas e estacións de cadeado, lanzou esta iniciativa coa colaboración do Concello, que creou un percorrido sinalizado que conecta os campus mediante unha vía de convivencia para bicicletas e outros vehículos.
O programa conta con dez bicicletas eléctricas con baterías de entre 60 e 80 quilómetros de autonomía. Cada bicicleta dispón dunha batería extra para facilitar a substitución e a carga centralizada, garantindo o seu bo manexo e a correcta carga, o que afecta directamente á súa vida útil e desempeño. Ademais, éBiCi USC conta con catro estacións, cada unha con capacidade para dez dispositivos (cadeados).
Esta ferramenta éBiCi baséase nunha aplicación que facilita a interacción co sistema. A través dela, os usuarios poden rexistrarse, consultar as bicicletas dispoñibles en cada parada, os cadeados libres, informar de incidencias e consultar información sobre o programa. A USC tamén dispón do persoal do Parque Móbil da Universidade, que utiliza unha furgoneta adaptada para mobilizar bicicletas, atender incidencias durante o horario do servizo, levar as bicicletas a reparar, revisar o estado das baterías diariamente e cambialas cando teñen unha carga inferior ao 30-40%. Tamén prestan asistencia aos usuarios en caso de avarías entre paradas, recollendo as bicicletas no lugar onde se produza a incidencia.
«Neste cuadrimestre testouse o funcionamento do sistema, a intensidade de uso das bicicletas, a duración e distancia dos percorridos empregados, cales son os puntos de recollida máis demandados e mesmo a validez das bicicletas adquiridas coa intención de adaptar a oferta real do servizo ao que demande a comunidade universitaria», destacou a Universidade.