10 septiembre, 2024
O físico Klaus von Klitzing, Premio Nobel de Física en 1985 e actual director do Instituto Max Planck para a investigación en estado sólido, estará en Compostela esta semana convidado polo programa ConCiencia que dirixe o catedrático da USC, Jorge Mira.
Klaus von Klitzing ofrecerá unha rolda de prensa este mércores 11 ás 11:30 horas no salón reitoral do Colexio de San Xerome. Previamente, ás 11:00 horas, reunirase co reitor da USC, Antonio López, e asinará no Libro de Honra da institución. (A acostumada sesión fotográfica no Obradoiro terá lugar xusto antes da xuntanza co reitor, aproximadamente ás 11.00 horas).
Klaus von Klitzing (Schroda, Polonia, 1943) licenciouse en Física na Universidade de Braunschweig e doutorouse na de Würzburg. Na súa etapa posdoutoral realizou períodos de investigación no Clarendon Laboratory de Oxford (Reino Unido) e no laboratorio de altos campos magnéticos do Instituto Max Planck, no complexo científico de Grenoble (Francia). Foi precisamente neste instituto onde tan só con 37 anos realizou o descubrimento do efecto Hall cuántico que o levou a conseguir o Premio Nobel tan só 5 anos despois, o que dá unha idea da conmoción creada pola súa contribución.