O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente
25 octubre, 2025
O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, insta ao goberno de BNG e CA a que informe de xeito inmediato de qué forma ten previsto arranxar o caos orixinado poa súa incapacidade na rede de Centros Socioculturais cunha falta total de coordinación e previsión que está provocando a suspensión da maioría das actividades programadas e pagadas polos usuarios, problemas que están xeneralizados na maioría dos Centros da rede.
De la Fuente insistiu en que estaban avisados, a propia empresa sabía que non podía prestar os servizos e hai un ano solicitou a rescisión do seu contrato, e no Pleno do pasado mes de decembro aprobouse unha moción do Partido Popular instando ao goberno a garantir que a prestación dos servizos, obxecto dos catro contratos, non se vira suspendida nin alterada mentres non se formalizaban os novos contratos, pero nin avisándoos, o goberno de BNG e CA é quen de poñerse a traballar e solucionar problemas aos cidadáns; “xa non é que descoñezan ou non saiban, simplemente, non poden”.
O edil popular lamentou que este goberno “teña sumido a este Departamento no caos” case desde o inicio dos seu mandato; axiña foron evidentes as eivas dos contratos, que non respondían ás necesidades técnicas da rede de Centros, nin estaban economicamente ben configurados, polo que se converteron en deficitarios para as empresas, algunha das cales chegou a pedir a rescisión do seu contrato.
A pesar de ser coñecedor desta delicada situación, e a pesar de serlle requirido en múltiples ocasións polo Partido Popular, en lugar de preparar unha nova licitación o goberno municipal optou polo fácil, prorrogar varias veces os contratos, o cal é unha auténtica irresponsabilidade, porque “cando sabes que un contrato non funciona, prorrogalo é aprazar a toma dunha decisión e agravar os problemas”, por iso estamos agora nesta situación, “as empresas non queren prestar os servicios, que son deficitarios, e os traballadores non cobran as súas retribucións, e a consecuencia é que os cidadáns non reciben os servizos que pagaron”, incidiu De la Fuente.
Agora a quen lle toca pagar as consecuencias desta caótica xestión do goberno de BNG e CA é aos propios usuarios dos Centros, que pagaron as matrículas e as actividades non se están celebrando.
“A imprevisión e falta de ganas do executivo local é evidente, agora lle exiximos que polo menos, sexa dilixente devolvendo os cartos aos veciños aos que lle cobrou un servizo que sabía que non ía poder prestarlle, e que non faga o habitual, que cobra por anticipado moi rápido, pero tarda un ano en devolver o indebidamente cobrado”, reclamou o popular.
“Ademais -advertiu- para agravar aínda máis esta grave situación, a nova licitación, recentemente publicada, non augura boas novas, pois os pregos teñen importantes eivas que xa veremos como acaban”.
Segundo de la Fuente, no expediente non está suficientemente xustificado a división en lotes; nesta contratación pásase de catro lotes a tres, ao integrar o ata agora lote IV, servizos de novas tecnoloxías, xunto co lote de animación sociocultural, incumprindo a regra xeral imposta pola Lei de Contratos, que obriga á división en lotes sempre que sexa posible; e no expediente aprobado pola Xunta de Goberno local non queda acreditado nin xustificado adecuadamente porque se xuntan uns contratos ata agora dividido en lotes, que teñen obxectos perfectamente distinguibles e realizables por empresas con obxectos sociais diferenciados; tanto que será difícil atopar empresas que poidan prestar ambos servizos cos seus propios medios, o que previsiblemente provocará subcontratacións que redundarán na mala calidade do servizo.
Así, o popular lamentou que “por pura comodidade, ou quen sabe porqué escuro motivo, o goberno local antepón os seus intereses aos intereses dos usuarios dos Centros, interésalle máis xuntar lotes que garantir un mellor servizo, por outra banda, nada novo, á vista está do que está a acontecer agora mesmo coas actividades suspendidas”.
“Esiximos hai un mes á alcaldesa que asumira en primeira persoa a xestión deste Departamento, pero negouse, deu un respaldo inequívoco e mesmo eloxiou a xestión do concelleiro, polo tanto agora que é tan responsable coma el, cómpre que responda directamente aos veciños cando ten previsto devolverlle os cartos que lles cobraron por uns servizos que non están recibindo”, concluíu De la Fuente.
No mes de xuño de 1982 o Parlamento de Galicia trasladouse provisionalmente ao Pazo de Fonseca, cedido pola Universidade de Santiago de Compostela. Parte das dependencias administrativas continuaron nos baixos do Pazo de Raxoi, cedidos polo Concello de Santiago de Compostela. En Fonseca, o Lexislativo galego estivo instalado entre xuño de 1982 e febreiro de 1989. Na foto, unha sesión no Parlamento. Fotos: AG e PG