11 julio, 2025
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou este martes o abandono que sofre a Travesía da Fervenza, no barrio de Conxo, onde segundo advertiu “non se realizan labores de limpeza, poda nin desbroce de maleza a pesar de ser requirido en múltiples ocasións polos propios veciños”.
De la Fuente advertiu que “o crecemento descontrolado de árbores e arbustos ameaza con invadir as casas que están preto e fai perigoso o acceso dos propios veciños ás súas vivendas”, o que, segundo o edil, supón tamén “un serio perigo en caso de incendio na zona, como xa sufriron varias veces”.
Para o concelleiro popular, esta situación é un claro exemplo do que cualificou como “nivel de incompetencia do goberno do BNG”. “Non é tolerable que teñan que ser os propios veciños os que realicen na vía pública labores de limpeza e mantemento que lle corresponden á administración municipal”, afirmou, ao tempo que lamentou “o abandono e a falta de resposta por parte do executivo local”.
O edil criticou con dureza que “o goberno de BNG e CA presuma das liñas de comunicación de incidencias pero despois non faga caso aos requerimentos e denuncias dos cidadáns”. “Os nacionalistas gobernan de costas á veciñanza, nin sequera se molestan en contestalas, é outro exemplo da súa actitude soberbia”, asegurou.
Desde o PP esixen unha intervención urxente na zona para garantir a seguridade das persoas e evitar riscos innecesarios.