Imagen del pleno municipal.
23 mayo, 2024
A proposta da Alcaldía para crear unha comisión especial destinada a analizar a xestión do ciclo da auga será debatida no Pleno da Corporación de maio. Este organismo, composto por representantes de todos os grupos municipais e persoal técnico, terá como obxectivo elaborar un informe coas conclusións neste ámbito, tendo en conta o estudo realizado en xullo de 2020, así como impulsar outros traballos necesarios para mellorar a xestión dos servizos básicos de abastecemento e saneamento na capital compostelá.
«O obxectivo é dar os pasos necesarios para regularizar os servizos básicos de abastecemento de auga e saneamento que se prestan dun xeito precario no concello de Santiago de Compostela desde que venceu a prórroga do contrato.
A forma de xestión do servizo do ciclo integral da auga é unha decisión que debe dar lugar a un modelo que perdurará por un longo período de tempo. Iso, unido á importancia que ten este servizo esencial, fai recomendable conseguir o maior consenso posible na forma de xestión», sinalou o Concello.
A composición da comisión, por outra banda, inclúe a alcaldesa ou un membro da Corporación en quen delegue, que actuará como presidente/a, dous membros representantes de cada grupo municipal, e persoal técnico sen voto pero con voz, procedente de varios órganos e postos da administración municipal.
De igual forma, a comisión poderá solicitar asesoramento tanto interno como externo e informará regularmente ao Pleno dos seus avances e decisións adoptadas.