O acto contou coa presenza da concelleira de Deportes e Festas, Pilar Lueiro, e o coordinador de xestión de Compostela Golf, David Senra.
11 julio, 2025
Santiago estreará os vindeiros 25 e 26 de xullo o I Torneo Cidade de Santiago de Pitch and Putt, un evento deportivo que se integrará na programación das festas do Apóstolo e que promete situar á capital galega como referente desta disciplina.
A presentación oficial contou coa presenza da concelleira de Deportes e Festas, Pilar Lueiro, e do coordinador de xestión de Compostela Golf, David Senra. O torneo celebrarase no campo da Sionlla, na parroquia de Enfesta, un espazo de 18 buratos especializado na modalidade de pitch and putt, que destaca tanto pola súa esixencia técnica como pola beleza do seu contorno natural.
Pilar Lueiro salientou o éxito das competicións celebradas neste campo desde a súa apertura hai dous anos, cunha excelente acollida por parte de xogadores e afeccionados. “Agardamos repetir ese éxito nesta primeira edición do Torneo Cidade de Santiago, que contribúe a consolidar a nosa cidade como capital deportiva de Galicia durante unha fin de semana de festa”, destacou a edil, quen tamén animou á veciñanza a participar ou, cando menos, a achegarse como público para coñecer o campo e apoiar este proxecto deportivo impulsado no termo municipal.
David Senra, pola súa banda, explicou os detalles técnicos e organizativos do torneo, convidando a todas as persoas interesadas a inscribirse e desfrutar dunha experiencia única. O torneo disputarase baixo a modalidade Fourball Stroke Play a 18 buratos, nun percorrido longo, e contará con tres categorías: Scratch, HCP 1 e HCP 2. A competición será por parellas, cun límite de 72 persoas en cada quenda de saída, previstas para o venres 25 ás 10.30 horas, e o sábado 26 ás 10.30 e ás 17.00 horas.
Haberá entrega de premios e sorteo para todos os participantes. O prazo de inscrición abre este venres e poderá formalizarse a través da web de Compostela Golf ou por teléfono ata o 24 de xullo.