30 octubre, 2024
O Museo de Historia Natural (MHN) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) conmemora este xoves, 31 de outubro, o décimo aniversario da súa reapertura no emblemático edificio do Parque Vista Alegre. O evento contará cunha charla coloquio ás 17.00 horas, onde antigos directores e colaboradores ofrecerán un percorrido pola evolución do museo e recordarán o traballo realizado ao longo dos anos.
Ás 19.00 horas inaugurarase unha exposición temporal que permitirá aos visitantes coñecer a traxectoria histórica do MHN, dende os seus comezos ata a actualidade, destacando os fitos máis significativos da institución. Durante a tarde, de 16.30 a 20.00 horas, a entrada ao museo será gratuíta, ofrecendo a toda a cidadanía a oportunidade de descubrir as instalacións renovadas. A entrada será libre ata completar a capacidade do espazo.
O espazo actual do MHN, cedido polo Consorcio da Cidade de Santiago, supuxo un avance significativo para o museo, que anteriormente ocupaba os sotos da Facultade de Química. Este traslado, encabezado pola daquela directora María Isabel Fraga Vila, completouse en novembro do 2011 e, tras tres anos de preparación e montaxe, o museo reabriu as súas portas en outubro de 2014. Esta reapertura marcou o inicio dunha nova etapa caracterizada por importantes melloras nas salas expositivas e unha ampliación das actividades de docencia, investigación e divulgación científica.
A historia do Museo de Historia Natural remóntase ao século XVIII, cando funcionaba como Gabinete de Historia Natural. A súa creación oficial data do curso 1840-41 coa primeira cátedra de Historia Natural da USC. En 1906, o Gabinete converteuse oficialmente en Museo, aloxado na Facultade de Xeografía e Historia, e en 1960 trasladouse á Facultade de Química. O edificio actual, en Vista Alegre, abriuse ao público en 2014. As súas coleccións son o resultado de séculos de traballo por parte de persoal científico e coleccionistas, en gran parte de Galicia, o que lle outorga un valor científico, histórico e didáctico extraordinario.
Para seguir fortalecendo o seu compromiso coa sociedade, o Museo de Historia Natural lanzou unha campaña de micromecenado a través da plataforma Sumo Valor da USC. O obxectivo desta iniciativa é recadar fondos para organizar novas actividades e aumentar a visibilidade do centro. Entre os proxectos futuros inclúense charlas-coloquio abertas ao público, con expertos que colaboraron co museo ou estudaron a súa historia, así como exposicións que narren o seu percorrido e as actividades desenvolvidas nos últimos anos.