O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, reafirma a súa posición como referente mundial ao obter, por segunda vez, o selo de excelencia María de Maeztu, que será entregado este xoves 5 de setembro en Madrid. Esta acreditación, outorgada pola Axencia Estatal de Investigación, destaca polo seu rigoroso proceso de avaliación por un comité internacional, e proporciona ao IGFAE un financiamento de 2,6 millóns de euros para desenvolver o seu plan estratéxico nos vindeiros anos.
O recoñecemento foi entregado por primeira vez ao IGFAE en 2017, transformando profundamente o centro, que duplicou o seu persoal e ampliou as súas liñas de investigación. Agora, coa nova acreditación, o centro busca consolidar esa estrutura, cun enfoque especial na participación en grandes experimentos internacionais, a formación de novo persoal investigador, a captación de talento e a redución da fenda de xénero.
Esta entrega do selo María de Maeztu terá lugar nun acto presidido pola ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, no que participarán o director do IGFAE, Carlos Salgado, o director adxunto, Abraham Gallas, e o xerente da USC, Javier Ferreira. O evento poderá seguirse en directo a partir das 18:30 horas a través da canle de YouTube do Ministerio.
Este recoñecemento chega nun ano decisivo para o IGFAE. Ademais da renovación da súa presenza na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, o centro está a punto de inaugurar a súa nova sede, financiada pola Xunta de Galicia cun investimento de preto de cinco millóns de euros. Esta infraestrutura, que ampliará un 70% a superficie previa do instituto, permitirá ao IGFAE contar con novos laboratorios, espazos de traballo máis amplos e áreas dedicadas á divulgación científica.
Ademais, a institución celebra o seu 25º aniversario cun amplo programa de actividades públicas, que inclúe exposicións, concertos e eventos de divulgación, co obxectivo de achegar o seu labor científico á sociedade e fomentar a reflexión sobre o impacto das súas investigacións.
Por outra banda, o selo María de Maeztu forma parte da alianza SOMMa, que agrupa máis de 60 centros de excelencia en todas as ramas do coñecemento. Pertencer a esta alianza ofrece ao IGFAE as condicións idóneas para atraer talento, promover investigación punteira e consolidarse como un centro de referencia a nivel internacional. Segundo o seu director, Carlos Salgado, o obxectivo é que o IGFAE sexa “un centro moito máis internacional, moito máis aberto, e que a sociedade nos poida ver desde diferentes puntos de vista”.