31 octubre, 2025
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, celebra do 8 ao 14 de novembro a oitava edición da súa Semana da Ciencia, centrada este ano no centenario da mecánica cuántica e no Ano Internacional da Ciencia e Tecnoloxía Cuánticas. O programa ofrece achegamentos á física cuántica desde múltiples disciplinas, incluíndo maxia, música jazz e danza contemporánea, e ten como acto central a conferencia da física compostelá Antía Lamas Liñares.
A Semana dará comezo o sábado 8 coa xornada de portas abertas Ciencia Singular, organizada polos cinco centros da rede CIGUS da USC: CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS.
A conferencia principal terá lugar o martes 11 de novembro ás 20.00 horas na Casa das Máquinas (Rúa das Galeras, s/n) e leva por título “A segunda revolución cuántica: o camiño dende a ciencia á enxeñaría”. Lamas Liñares, científica cuántica principal en Amazon Web Services e formada na USC, Imperial College London e Universidade de Oxford, abordará as oportunidades tecnolóxicas que ofrece, un século despois, o desenvolvemento da mecánica cuántica.
Antes da súa charla, ás 19.00 horas, celebrarase o espectáculo de maxia “A baralla cuántica: percepción, información e realidade”, no que o investigador do IGFAE Javier Mas e o mago Kiko Pastur explorarán, mediante ilusionismo, os principios cuánticos e a súa influencia na percepción humana.
O mércores 12 de novembro, o auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá o concerto de Sumrrá, que interpretará pezas do seu álbum 7 Visións xunto cunha composición inédita, A oitava visión. O zoom cuántico, inspirada na transición da física clásica á cuántica. A iniciativa conta co apoio do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o propio IGFAE.
Entre as actividades complementarias destacan a primeira edición do Wikimaratón de Física de Partículas (xoves 13, 15.30 horas), dirixido a persoal do IGFAE, estudantes de Física da USC e público interesado, coa creación de contido en galego para Wikipedia. A NerdNite (xoves 13, 20.30 horas) achegará a cuántica desde os reloxos cuánticos, a supercondutividade e os efectos dos raios cósmicos na computación cuántica.
A Semana pecharase o venres 14 cun obradoiro de danza contemporánea inspirado en principios cuánticos, coordinado polo investigador do IGFAE Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas, destinado a artistas, bailaríns e curiosos, e limitado a 25 participantes.
Fundado no século XII. Conserva a igrexa e parte dos edificios monásticos. De estilo cisterciense, a igrexa do Mosteiro de Santa María de Meira ten 70 metros de longo e 14 metros de alto e é un dos mellores exemplos desta tipoloxía en Galicia. Segue o estilo austero desta orde relixiosa e foi consagrado o 3 de xuño de 1258 polo Bispo Martín de Lugo, tendo lugar unha concorrida feira para celebralo. Fotos: Concello de Meira
A serra do Suído conserva diseminadas polas súas cumes moitas mostras de arquitectura popular adicadas ao pastoreo. Estas construccións tan sigulares, pódense remontar á idade media. A falta de vías de comunicación e a distancia que estes pastores percorrían facíanlles pasar longas tempadas lonxe de seus fogares. Por este motivo, e para protexerse das neves, treboadas e choivas que asolan estas terras, organizáronse para a construcción dunhas estructuras nas que resgardarse, e de toda unha serie de instalaciós secundarias, como lavadeiros, fontes ou lareiras formando un grupo humano de varios habitantes con una gran actividade, onde pasar longas tempadas. Construíanse nos lugares máis protexidos da serra, aproveitando as ladeiras da vertente sur para protexerse dos fríos e húmidos ventos do norte. Fotos: Concello de Fornelos de Montes