19 septiembre, 2024
Este serán, o Hotel Costa Vella acollía na súa terraza un evento moi especial, o seu 25 aniversario. Os irmáns José Antonio e Ana Liñares e Roberto Sousa celebraron un evento privado para agradecer o seu apoio e confianza a clientes, provedores e veciños. O convite celebrouse na emblemática terraza do hotel, unha das máis apreciadas da cidade. Un xardín dunha fermosura particular que mestura distintos tipos de plantas e espazos creando un entorno único e irrepetible, coidado polos propios donos.
Pouco podían sospeitar os irmáns José Antonio e Ana, cando xogaban de pequenos en fronte do portalón desta singular propiedade, que varias décadas despois estarían a celebrar o 25 aniversario do seu primeiro hotel boutique.
De familia con tradición hostaleira, a andaina dos dous irmáns comeza coa volta de seus pais, os ben coñecidos Preciosa e don Pepe, da emigración. En 1974 instalábase así toda a familia en Compostela, collendo o traspaso da residencia de estudantes Moure; á que anexionan na década seguinte o Moure 2, ambos na rúa Loureiro.
Dúas décadas despois, en 1999, os irmáns abrían as portas do Hotel Costa Vella ofrecendo un servizo exclusivo e converténdose nun dos primeiros negocios composteláns en empregar a idea do hotel boutique. Son eles mesmos os primeiros en namorarse das características desta propiedade singular que agora cativa tanto a turistas como a poboación local: a muralla medieval, as galerías cunhas exclusivas vistas á zona monumental e, entre todo iso, a salvaxe beleza do xardín, que disputa o título da terraza máis fermosa da cidade.
José Antonio destaca así o valor que xera un patrimonio como este. “Non é mérito noso, creouno a cidade e nós estamos moi contentos de poder mantelo durante todo este tempo” engade emocionado.
Tras a xubilación de Preciosa e Don Pepe en 2008, colleron o relevo das dúas residencias, reconverténdoas tamén ao concepto de hotel boutique. “Decidimos perder volume para gañar en calidade” explica José Antonio.
O Moure convértese así nun hotel contemporáneo de 15 habitacións onde a innovación e a tecnoloxía van da man do deseño, a arquitectura e o descanso. O Moure 2, agora hotel Altair, segue a filosofía xaponesa wabi-sabi para ofrecer un espazo exclusivo que mantén o perfecto equilibrio entre a tradición e as tendencias.