10 octubre, 2024
O número de estudantes con discapacidade nas universidades aumentou significativamente nas últimas décadas, grazas á evolución da normativa, a maior concienciación social e o recoñecemento do dereito á educación en igualdade de condicións. Aínda así, este colectivo segue a ter unha taxa de participación inferior respecto ao estudantado sen discapacidade.
Un estudo recente liderado pola investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Emma Mayo, en colaboración coas investigadoras Anabel Moriña Díez e Beatriz Morgado Camacho da Universidade de Sevilla, aborda unha perspectiva ata agora pouco explorada: a definición de éxito universitario desde a visión do propio estudantado con discapacidade. O artigo, titulado What is university success? Graduates with disabilities define it (Que é o éxito universitario? Os graduados con discapacidade defíneno), foi publicado na prestixiosa revista Higher Education.
A investigación contou coa participación de 95 egresados e egresadas con discapacidade (62,1 % mulleres e 37,9 % homes) que compartiron as súas experiencias e reflexións sobre o que consideran que significa ter éxito na universidade. Segundo explica Mayo, é «fundamental coñecer, dende unha perspectiva holística, as claves que contribúen ao éxito universitario de persoas con discapacidade, co fin de desenvolver accións que melloren a súa retención e gradación”.
Os resultados do estudo revelan que o éxito universitario non se limita unicamente á consecución do título, senón que abarca un concepto máis amplo e multidimensional. Así, os participantes identificaron oito compoñentes clave do éxito universitario: graduarse, acadar as metas propostas, o proceso de aprendizaxe académico e persoal, a experiencia social, o crecemento persoal (superación), o éxito profesional, a obtención de boas notas e o recoñecemento.
Deste xeito, o éxito é visto como un concepto complexo “que vai máis aló dos meros resultados cuantitativos” e está estreitamente vinculado á traxectoria universitaria e ás oportunidades tanto académicas como sociais que permiten aprender, participar e vivir unha experiencia inclusiva.
As investigadoras subliñan que «o compromiso das universidades debe transcender a mera garantía de acceso, permanencia e gradación” e avanzar na oferta de apoios e recursos adaptados ás necesidades individuais de cada estudante, co fin de garantir unha experiencia universitaria plena e inclusiva para todos e todas.