5 julio, 2024
O investigador Carlos Pajares Vales (Madrid, 1945), creador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1984 e 1990, recibiu o premio Lois Peña Novo nun acto celebrado no Patio de Armas do Castelo de Soutomaior.
Este galardón, outorgado pola fundación homónima, recoñece o compromiso de persoas e institucións coa lingua galega. Carlos Pajares foi galardoado polo seu labor na introdución do galego na universidade. En 2019, o mesmo recoñecemento foi concedido a Carlos Salgado, actual director do IGFAE, polo seu permanente compromiso coa lingua galega na súa actividade investigadora e docente.
Pajares licenciouse e doutorouse en Física na Universidade Complutense de Madrid, e investigou en centros científicos de referencia en París, Seattle e Oxford. En 1979, incorporouse á Universidade de Santiago como catedrático e director do Departamento de Física de Partículas e en 1981 converteuse no primeiro decano da Facultade de Física. Posteriormente, en 1984, foi elixido democraticamente como reitor da USC, cargo que ocupou ata 1990.
Durante a súa etapa como reitor, segundo destaca a Fundación Lois Peña Novo, «implantou na institución académica un proceso de galeguización eficaz e continuado a través da creación dun servizo propio dedicado ao fomento do uso da lingua galega no ámbito académico e científico». A acta do xurado tamén subliña que «a pesar de non ser galego de nacencia, inculturizouse na terra defendendo os valores identitarios do país».
O labor científico e institucional de Carlos Pajares foi fundamental na participación da USC, do IGFAE e de España na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN). Participou activamente no reingreso de España no CERN en 1983 e foi delegado científico de España no CERN entre 2008 e 2012.
Xunto a Carlos Pajares, os premios Lois Peña Novo 2024 tamén foron concedidos a María Jesús Lago Vilaboa, xefa de servizo de Traballo Social na Área Sanitaria de Vigo, polo seu pioneirismo e defensa do uso do galego no ámbito sanitario, e ao Concello de Carballo, pola súa firme aposta durante máis de 20 anos pola dinamización lingüística e desenvolvemento de accións de socialización transversal.