Febreiro chega ao Espazo Apego cargado de propostas culturais para toda a cativada. Durante este mes, no que a tradición di que casan os paxariños, o centro mergullarase de cheo na cultura popular galega con actividades que inclúen música, contos, xogos e espectáculos.
O programa arranca o primeiro luns do mes cunha sesión de cociña en Merendolas!, e continuará o día 17 con Quen vén?, unha visita especial dunha entidade dedicada á promoción da cultura. Ademais, os xoves serán días de música e tradición, con actuacións que mesturan cantos, contos e recitados en galego.
Todas as actividades requiren inscrición previa a través dos formularios dispoñibles. O día anterior á actividade, arredor das 12 h, as persoas solicitantes recibirán un correo coa confirmación da súa praza.
A lingua medra
Todos os luns ás 17 h | Para nenos e nenas de 2 a 6 anos
Cada luns, o Espazo Apego propón un encontro para aprender e xogar coa lingua galega. As sesións inclúen dende cociña ata experimentación e expresión corporal.
- Luns 3 → Merendolas!
- Luns 10 → Movéndonos con Apego
- Luns 17 → Quen vén?
- Luns 24 → Experimentamos
O correo de confirmación para esta actividade enviarase o venres previo a cada sesión.
Tardes de contos
Os martes 4, 11, 18 e 25 de febreiro
17-18 h (0-3 anos) | 18.15-19.15 h (3-6 anos)
Os martes serán un tempo para mergullarse nos contos e imaxinar, aprendendo novas palabras para descubrir o mundo. Cada semana explorarase unha temática diferente, vinculada a un centro de interese mensual.
Enredando e lingoreteando
Os mércores 5, 12, 19 e 26 de febreiro | 17-19 h
Un espazo de xogo libre e guiado pensado para fomentar a socialización en galego a través da creatividade, a amizade e a cooperación.
- 3-6 anos → Sen acompañamento dunha persoa adulta
- 0-3 anos → Con acompañamento
Cada semana introduciranse materiais e temáticas vinculadas ao medio natural, festividades e contorna inmediata.
- Mércores 5 → Xogamos coas palabras
- Mércores 12 → Fabricamos xoguetes
- Mércores 19 → Imos ao patio
- Mércores 26 → Xincana de palabras
Tachán! Espectáculos e música en galego
Un xoves cada quince días, a música e os contos tradicionais serán protagonistas nestes encontros quincenais con espectáculos e obradoiros a cargo de artistas e especialistas en cultura popular.
Xoves 13 → Contos e cancións do mar, de Babaluva Teatro (2-6 anos)
Unha viaxe a través dos monicreques artesanais, que cobran vida para narrar e cantar historias do mar, como A raposa e o caranguexo ou O peixe luminoso, de Italo Calvino. Ademais de entreter, o espectáculo busca concienciar sobre a importancia de coidar os océanos e transmitir unha mensaxe de esperanza.
Xoves 27 → Cantando con raíz, de Eduvía (0-6 anos)
Un obradoiro no que as nenas e nenos poderán aprender cancións, ditos e recitados tradicionais galegos. Un xeito lúdico e divertido de achegarse á lingua e á nosa herdanza musical, recuperando melodías e evitando que caian no esquecemento.
Este febreiro, o Espazo Apego convértese nun punto de encontro para a cultura, a música e a lingua galega, cunha programación variada e adaptada ás distintas idades. Un mes para gozar, aprender e cantar en galego!




