5 noviembre, 2025
A Casa das Asociacións de Cornes acollerá este xoves, 6 de novembro, ás 19:30 horas, o acto de presentación da reimpresión do libro Historias do Carril-Cornes, do autor compostelán Xoán Luís Miguéns García. A obra, esgotada desde hai anos en librarías e arquivos particulares, regresa agora ao público grazas á iniciativa do Consorcio de Santiago, que busca recuperar e manter viva a memoria do primeiro “camiño de ferro” galego.
No evento participarán, ademais do propio autor, José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Carlos Abellán Ruiz, responsable da autoría do prólogo desta nova edición; e Juan Conde Roa, encargado das publicacións do organismo municipal. Todos eles analizarán o impacto histórico, social e cultural do primitivo ferrocarril que uniu Santiago de Compostela co mar de Arousa, así como a relevancia editorial desta recuperación.
Historias do Carril-Cornes reúne un total de vinte e catro relatos curtos baseados, na súa maior parte, en feitos supostamente acontecidos a persoas vinculadas dalgún xeito ao antigo trazado ferroviario. Entre os protagonistas atopamos ferroviarios, viaxeiros frecuentes, veciños das parroquias próximas e outros personaxes que, con maior ou menor fortuna, conviviron con un medio de transporte tan fascinante como revolucionario para a época.
As narracións combinan humor, misterio, tradición oral e memoria local, construíndo un mosaico humano que permite ao lector achegarse a un tempo no que o tren protagonizou unha verdadeira transformación económica e social en Compostela e a súa contorna.