10 junio, 2024
O Consorcio de Santiago súmase á Semana da Administración Aberta, unha iniciativa mundial impulsada pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week), que ten como obxectivo achegar a cidadanía ás Administracións Públicas e ao seu traballo ordinario. Para iso, o Consorcio de Santiago organiza unha visita guiada por espazos destacados da cidade que contan con intervencións deste organismo.
A visita, con aforo limitado a 30 persoas, comezará ás 10:00h no Pazo de Vaamonde, unha emblemática obra de arquitectura civil no casco histórico compostelán e sede do Consorcio de Santiago dende 1992. Para participar, é necesario inscribirse enviando un correo a prensa@consorciodesantiago.org, cun máximo de dúas persoas por inscrición.
Partindo dende o Pazo de Vaamonde, membros da oficina técnica do Consorcio guiarán aos visitantes por un percorrido que terá unha duración aproximada de 3 horas. A primeira parada será no Pazo de Raxoi, onde os asistentes poderán coñecer as recentes obras de conservación e mellora enerxética da fachada deste emblemático edificio, sede do Concello de Santiago de Compostela e da Presidencia da Xunta de Galicia. Posteriormente, os visitantes trasladaranse á Igrexa de San Fructuoso, un templo do século XVIII no cal o Consorcio realizou actuacións de recuperación patrimonial no ciborio, na cuberta e na fachada.
O seguinte destino será o antigo convento de San Domingos de Bonaval, hoxe Museo do Pobo Galego. Aquí, os membros da oficina técnica do Consorcio explicarán en que consistiu a obra de ampliación do centro museístico, que permitiu recuperar varios espazos do conxunto monumental que estaban en desuso. Os visitantes aprenderán de primeira man sobre unha das obras de maior envergadura acometida polo Consorcio nos últimos anos, de vital importancia para o desenvolvemento cultural da cidade.
Por último, o percorrido pecharase coa visita ao Complexo Multiúsos Fontes do Sar, onde en 2022 o Consorcio de Santiago construíu unha orixinal cuberta telescópica. Esta obra mellorou notablemente o uso da piscina, permitindo aos cidadáns utilizala durante todo o ano sen depender da meteoroloxía.