25 septiembre, 2024
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acordou onte incrementar en 24 o número de prazas de persoal docente e investigador (PDI) para este ano, logo de actualizar as cifras de baixas a 1 de setembro de 2024. Se inicialmente a previsión era de 43 baixas de profesorado, finalmente a cifra ascendeu a 57, 14 máis das previstas, incluíndo xubilacións forzosas e voluntarias, falecementos e excedencias sen reserva de posto.
Diante deste escenario, o Consello de Goberno aprobou unha planificación complementaria para cubrir as prazas vacantes debido a estas baixas non previstas inicialmente. Esta nova proposta inclúe a creación de 21 prazas de profesorado axudante doutor, das cales 15 serán para o campus de Santiago e 6 para o de Lugo, así como a reposición de 3 prazas vacantes. A medida enmárcase na estratexia da USC para estabilizar e promover o seu persoal docente e investigador, facilitando tamén a renovación xeracional e a creación de novas oportunidades de carreira investigadora.
CREACIÓN DE DÚAS NOVAS CÁTEDRAS INSTITUCIONAIS
Na mesma sesión, aprobouse a creación de dúas novas cátedras institucionais: a Cátedra Otero Pedrayo e a Cátedra Araguaney. A primeira nace coa intención de preservar e difundir o legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedrayo, unha das figuras máis destacadas da Galicia do século XX. As súas actividades terán alcance galego, estatal e internacional, fomentando a colaboración con entidades como o Institut Ramon Llull ou o Instituto Cervantes, así como con diversas fundacións e casas-museo vinculadas á tradición galeguista e á Xeración Nós.
Pola súa parte, a Cátedra Araguaney terá como obxectivo fomentar o diálogo intercultural entre a cultura galega e as culturas árabes, mediterráneas e hispanoamericanas. Centrarase na docencia, investigación e transferencia de coñecemento no ámbito da xestión cultural e os estudos interculturais, creando espazos de reflexión sobre as dinámicas culturais contemporáneas.
OUTROS ASUNTOS
En materia de persoal, aprobouse unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal técnico laboral e a incorporación de 10 investigadores beneficiarios do programa Ramón y Cajal, que se integrarán en 9 áreas de coñecemento con previsión de estabilización nos próximos anos.
Tamén se deu luz verde á convocatoria anual 2024-2025 para novas propostas e modificacións de titulacións de grao, másteres universitarios e programas de doutoramento. Ademais, aprobouse a declaración excepcional de dúas solicitudes de subvención á Deputación da Coruña para a organización da 27ª Conferencia Europea en Intelixencia Artificial (ECAI) e o Informe anual sobre a Economía Galega de 2023.
Por último, foron aprobados novos logos para as cátedras de Cultura Latinoamericana Alejo Carpentier e de Saúde Ambiental, e abordouse a memoria anual do Instituto de Ciencias da Educación.