A concelleira de Festas e Relacións Veciñais, Pilar Lueiro, destacou a relevante colaboración do Concello de Santiago no desenvolvemento das festas parroquiais e dos barrios da cidade, subliñando o seu papel como «dinamizadoras das comunidades».
Nunha declaración recente, Lueiro resaltou que as festas son «moito máis que simples celebracións; son unha oportunidade para fortalecer o tecido social e un motor esencial para o desenvolvemento económico local». A aposta do Concello por investir nestes eventos busca reafirmar a identidade colectiva e preservar as tradicións, adaptándoas aos tempos modernos para garantir a súa continuidade nas futuras xeracións.
Neste contexto, o Concello colabora asiduamente cos organizadores das festas mediante a contratación de actuacións musicais, o aluguer de inchables para os máis pequenos, o apoio a asociacións de gaiteiros e bailes tradicionais, e a organización de xogos populares, entre outras iniciativas. «Este ano, facilitamos o traballo das comisións de festas e asociacións simplificando o proceso de solicitude; só tiveron que presentar unha solicitude cuberta, sen necesidade de entregar papelame ou comprobantes de pagamento», explicou Lueiro.
Ademais, a concelleira destacou o compromiso do Concello para que «persoas de todas as idades poidan compartir e gozar dos eventos, involucrando a todos os sectores da sociedade e apostando por un ocio diverso e inclusivo». Esta aposta reflicte o desexo de fomentar a participación comunitaria e garantir que as festas sigan sendo un punto de encontro esencial para a cidadanía.