23 octubre, 2024
O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, presentou un novo programa de actividades ambientais para o curso escolar, dirixido ao alumnado de primaria, co obxectivo de fomentar a sensibilización ambiental nas escolas de Santiago de Compostela. Domínguez estivo acompañado por Irene López, responsable do Centro de Información dos Parques e Xardíns (CIPX), que é o espazo encargado de organizar e desenvolver estas iniciativas.
As actividades están enfocadas na conservación e posta en valor do patrimonio natural da cidade, continuando co traballo que o CIPX leva facendo dende 2008. O concelleiro destacou a importancia de educar á xuventude sobre o coidado dos espazos verdes e do arboredo urbano, subliñando que «unha Compostela mellor e máis sostible comeza coa sensibilización ambiental dende a infancia».
ACTIVIDADES
O profesorado poderá elixir entre tres actividades medioambientais para que o alumnado participe no CIPX:
Da semente ao bosque: Nesta actividade, os estudantes aprenderán como as sementes se transforman en bosques, creando bombas de arxila para propagar sementes e participando na plantación de especies autóctonas. Ademais, cada estudante levará unha planta para coidar na casa.
A contorna do teu colexio: Ofreceranse itinerarios guiados polos parques e zonas de interese natural próximos aos centros educativos, onde o alumnado poderá descubrir a flora e fauna local.
As aves de Compostela: O obxectivo desta actividade é familiarizar aos nenos coas aves da cidade, ensinándolles trucos para a súa identificación e como crear comedeiros e caixas-niño para protexelas.
As actividades estarán dispoñibles ata xuño de 2025, e os centros educativos recibirán toda a información necesaria para a inscrición.