24 octubre, 2025
O Concello de Santiago, a través do seu departamento de Emprego, iniciou unha nova convocatoria do Plan Integrado de Emprego, orientado á inserción laboral de mulleres en situación de desemprego. Hoxe mesmo comezou a fase de selección das cen participantes que, ao longo dun ano, poderán beneficiarse de cursos formativos, titorías individualizadas e prácticas en empresas.
O programa está impulsado polo departamento de Emprego, dirixido por María Rozas, e conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 219.634,20 euros, á que se engade unha achega municipal de aproximadamente 45.000 euros. A nova edición do plan permitirá acoller un máximo de cen mulleres, mantendo o seu carácter exclusivo para este colectivo.
A pasada edición do Plan Integrado, clausurada neste mesmo mes, tamén contou cun cento de mulleres participantes, das cales case a metade lograron inserirse no mercado laboral. O obxectivo principal do programa é mellorar a empregabilidade das participantes e potenciar o desenvolvemento das súas competencias desde unha perspectiva ampla e integral, fomentando a súa autonomía.
Durante a edición anterior celebráronse preto de 470 titorías individualizadas e impartíronse 20 cursos diferentes, que sumaron case 500 horas de formación en materias tan diversas como intelixencia emocional e traballo en equipo, inglés profesional, servizo de facturación e atención ao cliente, empoderamento feminino no ámbito laboral, manipulación de alimentos ou ofimática.
Ademais, o plan inclúe prácticas en empresas, que permiten ás participantes experimentar en entornos reais de traballo. Na pasada edición foron 47 mulleres as que realizaron prácticas en 43 empresas diferentes, reforzando así as súas posibilidades de inserción laboral.

