23 octubre, 2025
O Concello de Santiago organiza este sábado, 25 de outubro, o encontro “Tecendo Redes de Convivencia Intercultural”, unha iniciativa promovida polo Servizo de Mediación Intercultural Comunitaria co obxectivo de achegar a poboación migrante e autóctona e fomentar unha Compostela máis cohesionada, xusta e inclusiva. A xornada desenvolverase no Centro Sociocultural do Ensanche entre as 11:00 e as 13:30 horas.
A actividade pretende favorecer o coñecemento mutuo, a empatía e o apoio recíproco entre veciñas e veciños, promovendo relacións baseadas no respecto e na cooperación. Desde o Servizo de Mediación Intercultural Comunitaria —que depende da Unidade de Atención ás Migracións— salientan que unha comunidade cohesionada é máis resiliente e capaz de afrontar conxuntamente os retos sociais, recoñecendo o valor da diversidade e buscando vías de convivencia desde a comunicación, a colaboración e o bo trato.
O encontro tamén ten unha vertente de sensibilización, xa que aspira a combatir activamente as discriminacións, o racismo e os discursos de odio contra as persoas migrantes, promovendo a defensa dos dereitos humanos e da convivencia pacífica.
Segundo o Concello, “Tecendo Redes de Convivencia Intercultural” quere implicar á cidadanía na construción dunha Compostela aberta e solidaria, na que se reduzan as desigualdades e se fortalezcan os lazos entre diferentes culturas e comunidades.
As persoas interesadas en participar ou obter máis información poden contactar coa mediadora intercultural no teléfono 698 170 690.