24 septiembre, 2024
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, asinou un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para a convocatoria dun concurso de anteproxectos para a transformación do conector central da cidade. Na sinatura tamén estiveron presentes o decano do COAG, Luciano G. Alfaya, e o presidente da Delegación de Santiago do COAG, Ángel Cid Carballo.
Este convenio, aprobado pola Xunta de Goberno local o 23 de setembro, establece que o COAG será o encargado de difundir o concurso de ideas unha vez convocado. O obxectivo do concurso é avanzar cara a un novo modelo urbano que mellore a calidade de vida en Santiago de Compostela, mediante a transformación dunha das súas áreas centrais.
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, comprometido co desenvolvemento sostible e coa mellora da calidade de vida a través da arquitectura, colaborará co Concello na definición dos criterios técnicos para a selección das propostas. Ademais, velará polos dereitos dos participantes e formará parte do xurado durante o proceso de selección.
O concurso de ideas dividirase en dúas fases. Na primeira, o xurado seleccionará entre as candidaturas que presenten unha proposta de actuación, baseada na súa solvencia técnica e económica. Desta primeira fase, elixiranse cinco equipos que pasarán á segunda fase, onde desenvolverán as súas propostas a nivel de anteproxecto.
Este proxecto en colaboración co COAG reflicte a aposta do Concello de Santiago por un urbanismo participativo e de calidade, que busca solucións innovadoras e sostibles para mellorar o espazo público da cidade.