16 junio, 2025
O Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) deu este luns un novo paso na súa estratexia de conexión coa sociedade ao constituír oficialmente o seu Consello de Transferencia, un órgano consultivo e de cooperación co que busca fortalecer os lazos entre a investigación académica e os sectores institucionais, sociais e económicos de Galicia.
O acto de constitución celebrouse no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e contou coa participación das sete institucións galegas que pasan a formar parte deste novo espazo de diálogo e colaboración: a Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega, Caixa Rural Galega, a EAPN Galicia – Rede Europea de Loita contra a Pobreza, a Fundación Juana de Vega, a Fundación RIA e o Consello Económico e Social (CES) de Galicia.
A presentación estivo encabezada polo director científico do CISPAC e profesor da USC, Lourenzo Fernández Prieto, acompañado pola directora adxunta, Laura Oso Casas, e o director de transferencia do centro, Xavier Simón Fernández. Todos eles destacaron o papel central da transferencia de coñecemento como motor para unha sociedade máis cohesionada, sostible e innovadora.
Durante a sesión, as persoas representantes das entidades integradas no Consello tomaron a palabra para expoñer os obxectivos e compromisos das súas respectivas organizacións no marco desta nova estrutura colaborativa. Entre os participantes estiveron Iván Meléndez Medela, director de Competitividade da Dirección Xeral de Turismo; Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega; José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega; Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, director xeral de Caixa Rural Galega; Saray Durán Gato e Nerea Rivero, da EAPN Galicia; Xosé Cuns Traba, tamén da EAPN; e Manuel Rodríguez López e Adrián Capelo Cruz, da Fundación RIA.
O Consello de Transferencia nace coa finalidade de canalizar a interacción entre o CISPAC e o tecido institucional e social galego, promovendo un modelo de investigación participativa e orientada aos retos reais do territorio e da cidadanía. Este novo órgano permitirá achegar as liñas de traballo do centro ás necesidades e prioridades de Galicia, favorecendo a aplicación práctica dos resultados científicos.
O CISPAC constitúese como un centro singular de nova xeración, especializado na investigación fundamental e aplicada nos eidos das ciencias sociais e humanas. Está integrado por 108 investigadores e investigadoras de alto nivel, pertencentes a 36 grupos de investigación das tres universidades galegas —A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo—, seleccionados por un comité asesor externo.