10 octubre, 2025
Este próximo luns día 13 ás 19.30 horas, o Ateneo de Santiago acollerá na Rúa do Vilar, 19, unha conferencia titulada «A expresividade dramática no Barroco: de Monteverdi a J. S. Bach», que será impartida por Beatriz Cancela, licenciada en Historia e Ciencias da Música. A actividade forma parte do VII Festival de Música Antiga e Barroca, Ateneo Barroco, e intégrase como unha proposta complementaria ao ciclo de concertos que se desenvolve entre o 8 e o 22 de outubro en distintos espazos patrimoniais da cidade.
A intervención de Cancela proporá unha viaxe polo universo expresivo do Barroco, etapa de grande innovación e transformación na historia da música. O período representou a emancipación da música instrumental respecto da vocal e o nacemento dunha linguaxe propia, sustentada nos avances na construción de instrumentos, na diversidade das formacións e na evolución das formas e dos xéneros. A conferencia permitirá comprender como estes cambios, unidos ás achegas de compositores e teóricos, marcaron o camiño que conduciría ao esplendor da música europea con figuras como Monteverdi ou Bach.
Beatriz Cancela Montes é diplomada en Educación Musical pola Universidade de Santiago de Compostela, licenciada e doutora en Historia e Ciencias da Música pola Universidade de Oviedo, e profesora de música no ensino secundario. Especialista na historia musical galega contemporánea, centrou a súa investigación na música compostelá do século XIX e nas bandas de música. É gañadora do I Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán e forma parte, dende 2022, da Comisión Técnica do Arquivo Sonoro de Galicia.