13 agosto, 2024
O Pazo de Raxoi acollerá o vindeiro luns, 19 de agosto ás 13:00 horas, o acto institucional en lembranza do alcalde republicano Ánxel Casal, en recoñecemento á súa memoria e á de todas as persoas represaliadas xunto a el por loitar pola liberdade e a democracia.
Esta homenaxe, que se realiza por segundo ano consecutivo no Salón Nobre de Raxoi, contará coa participación de representantes dos concellos de Santiago de Compostela, Teo e Arzúa, co obxectivo de visibilizar os lugares que marcaron os momentos finais da súa vida e da súa loita. Están previstas intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; e do concelleiro de Teo, Juan Jesús Cerqueiro.
Ao igual que o ano pasado, están convidadas as corporacións municipais dos tres concellos, así como persoas e entidades que realizan actividades relacionadas coa Memoria Histórica.
Este acto institucional ten por finalidade honrar a dignidade colectiva das persoas que loitaron a prol da liberdade e da democracia e que foron represaliadas tras o golpe de 1936, en particular a figura de Ánxel Casal, asasinado o 19 de agosto dese mesmo ano en Cacheiras.
A traxectoria política de Ánxel Casal estivo estreitamente vinculada a un intenso labor cultural, a través da súa faceta de impresor e editor e do impulso á normalización da lingua galega. Tanto el como a súa muller, María Miramontes, tiveron unha importancia destacada en diversos proxectos para Santiago e para o conxunto do país, como demostra a fotografía que recolle a presenza de ambos na entrega do Estatuto de Autonomía de 1936 en Madrid.
Ademais de ser o alcalde de Santiago de Compostela en 1936, Ánxel Casal foi vicepresidente da Deputación da Coruña, impulsor do Estatuto do 36, membro do Partido Galeguista e integrante das Irmandades da Fala.