Foto: CDG
7 octubre, 2025
As Faíscas Culturais continúan acendendo a reflexión e o espírito crítico do estudantado da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Estes proxectos artístico-pedagóxicos, situados na intersección entre coñecemento académico e expresión artística, arrancan este curso 2025/26 con dúas novas iniciativas: ‘Laboratorio de ficcións especulativas’ e ‘Matemáticas contra o fascismo: a serie clopen’.
O programa ‘Matemáticas contra o fascismo: a serie clopen’ céntrase nesta ocasión nunha produción do Centro Dramático Galego (CDG), titulada A serie clopen. A través das matemáticas, a física e a historia contemporánea, esta proposta busca reflexionar sobre o momento político actual: o auxe dos absolutismos, o crecemento dos fascismos, o aumento da desigualdade e o novo contexto bélico.
O programa conta coa colaboración das facultades de Xeografía e Historia, Matemáticas e Física. O acceso ás actividades é libre para a comunidade universitaria ata completar a capacidade dos espazos, e o programa completo pódese consultar no sitio web das Faíscas Culturais.
Por outra banda, o ‘Laboratorio de Ficcións Especulativas’ parte da exposición Ficcións Especulativas, que se inaugurará no Colexio de Fonseca o 16 de outubro e permanecerá aberta ata o 28 de febreiro de 2026. Este programa busca crear espazos de encontro entre a creación artística e o pensamento crítico, explorando formas alternativas de inventar, xerar novos discursos e construír coñecemento.
A exposición, que reúne o traballo de máis de doce artistas, parte da idea de que toda hipótese científica nace como unha ficción: unha ollada cara ao futuro ou un intento de ver máis alá. Mediante a imaxinación, a ciencia ficción e os oráculos, as creadoras e creadores participantes reflexionan sobre como estes recursos permiten concibir o mundo que está por vir e repensar o presente que habitamos.
Ao longo da exposición desenvolveranse coloquios, visitas guiadas, conferencias, aulas e obradoiros, co obxectivo de activar a curiosidade crítica das persoas participantes. A asistencia tamén é libre ata completar a capacidade dos espazos.
O centro de interpretación do patrimonio cultural do Muíño do Pan de Baamonde recupera un antigo muíño como elemento do patrimonio material de carácter etnográfico. Este espazo, ademais, facilita a transmisión dun importante compoñente de patrimonio inmaterial galego que difunde os valores dun grupo humano e dos seus caracteres antropolóxicos, culturais e sociais: neste caso, o mundo arredor dos muíños, tradicións e contexto sociocultural de Baamonde, na época na que estaba en funcionamento. A actividade dos muíños tivo unha importancia considerable na cultura galega, na arquitectura popular, no folclore e no desenvolvemento das relacións sociais e económicas. Neste caso estamos diante dun muíño de presa, construído sobre a ribeira do río Parga, cun encoro que permite alterar o curso da auga, almacenando unha boa cantidade para aproveitar o seu uso como enerxía motora dos rodicios. Fotos: Museos de Galicia/Xunta