5 septiembre, 2024
Ignacio Insua, investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acaba de recibir unha das prestixiosas axudas Starting Grant outorgadas polo Consello Europeo de Investigación (ERC). Este recoñecemento inclúe un financiamento de máis de 1,5 millóns de euros durante cinco anos, co obxectivo de desenvolver o proxecto REPLICATE, centrado na loita contra a resistencia bacteriana aos antibióticos.
O proxecto de Insua pretende crear antibióticos auto-replicantes, capaces de xerar copias de si mesmos para incrementar a súa eficacia antimicrobiana. Segundo explica o propio investigador, «administrando moléculas precursoras inofensivas, estas poderán combinarse coa membrana das bacterias patóxenas, activando a auto-replicación e unha acción antimicrobiana no lugar da infección».
A resistencia a antibióticos é un dos principais problemas de saúde a nivel global, responsable de 1,8 millóns de mortes anuais e con previsións que sinalan que para 2050 podería superar o cancro en mortalidade. A consecución desta axuda representa para Insua “un gran impulso para o crecemento do meu laboratorio, tanto en persoal como en equipamento, e unha oportunidade para posicionar a nosa investigación a nivel internacional como pioneira”.
Insua, licenciado en Farmacia pola USC e doutor en Química pola Universidade de Birmingham (Reino Unido), ten unha ampla traxectoria que inclúe etapas de investigación posdoutoral en Australia e no CiQUS da USC. Tras obter varias axudas altamente competitivas, como as convocatorias Juan de la Cierva e Marie Curie, na actualidade é investigador Ramón y Cajal no Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC.
Para Insua, poder desenvolver o seu proxecto na USC é unha grande oportunidade, xa que considera que a institución compostelá ofrece “un excelente contexto de traballo nun campo tan interdisciplinar como o que se sitúa entre a Química e a Bioloxía”.
Neste senso, o proceso de selección das Starting Grant do ERC é extremadamente selectivo. Nesta edición, presentáronse 3.474 propostas, das cales tan só un 14,2% obtiveron financiamento, tras un rigoroso proceso de avaliación realizado por un comité de persoal investigador de renome internacional.
Pola súa banda, o ERC ten como obxectivo promover a investigación de vangarda, apoiando ideas innovadoras e a novos investigadores. As súas axudas financian proxectos de alto risco e gran potencial en calquera área de coñecemento. As axudas ERC divídense en varios esquemas, incluíndo Starting, Consolidator, Advanced e Synergy Grants, entre outras.