19 junio, 2024
O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asinaron este mércores un protocolo de colaboración entre o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e a USC para a creación do Laboratorio de Riscos Psicosociais, unha iniciativa que nace co obxectivo de avanzar na saúde psicosocial das persoas traballadoras das empresas galegas e promover a saúde no traballo.
No acto de sinatura estiveron presentes tamén o profesor de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións da USC, Carlos Montes Piñeiro, que lidera o proxecto na parte universitaria, e a xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja.
Este novo Laboratorio enmárcase na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 do Goberno galego e responde á necesidade de preparar tanto a Administración laboral como o ámbito universitario para unha adecuada xestión dos riscos psicosociais que afectan as persoas traballadoras, como o estrés, a violencia ou o desgaste profesional, desde unha óptica preventiva.
A súa misión será aumentar o coñecemento sobre os riscos psicosociais, desenvolver medidas para previlos e orientar ás empresas e traballadores. Funcionará como un espazo de xeración de coñecemento, investigación, desenvolvemento e innovación en Prevención de Riscos Laborais.
Entre as súas funcións, destacará a elaboración de material técnico para apoiar o tecido empresarial galego en novas iniciativas que melloren as condicións de traballo e axuden a afrontar novos modelos con riscos diferentes. Realizaranse proxectos de I+D+i, traballos e teses de doutoramento, así como iniciativas de sensibilización e campañas de saúde mental nas empresas.