19 junio, 2024
O Claustro Alto do Colexio de Fonseca acollerá, desde este xoves 20 de xuño, a exposición de debuxos ‘Miradas a Compostela’ de José Yáñez.
«Sentado na miña cadeira portátil, debuxo distintos ángulos da cidade, buscando encadres para deixar nestes cadernos unha mostra variada das nosas arquitecturas urbanas. O románico, gótico ou barroco, sen esquecer a arquitectura modernista, racionalista, ecléctica, contemporánea ou popular, son os obxectos da miña atención», explica Yáñez acerca do seu traballo, que se poderá desfrutar nunha mostra cuxa inauguración terá lugar ás 12:00 horas nun acto que contará coa presenza do propio artista e da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias.
José Manuel Yáñez Rodríguez, arquitecto técnico, enxeñeiro de edificación e doutor en Historia da Arte, foi xefe do Servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación da Coruña. Durante 38 anos, exerceu como profesor nas Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Impartiu numerosas conferencias sobre patrimonio, a súa xestión e conservación, e publicou 16 libros e cartafoles de debuxo, todos relacionados co patrimonio edificado. Ademais, escribe habitualmente artigos sobre patrimonio construído en revistas especializadas e ten recibido varios premios de investigación. Como pintor, realizou numerosas exposicións individuais e colectivas en diferentes puntos de España,, estando presente a súa obra en coleccións de diversas institucións públicas e coleccionistas privados.
Esta estará aberta ata o 30 de agosto de 2024 e poderá visitarse de luns a venres, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. A entrada é libre e gratuíta.