22 agosto, 2024
Membros da Corporación e persoal do Concello participaron esta mañá nun minuto de silencio polas dúas mulleres asasinadas en Barcelona, ambas vítimas de violencia de xénero, e pola menor asasinada en Toledo, vítima de violencia vicaria.
A praza do Obradoiro acolleu este mediodía un acto no que se lembrou ás vítimas e volveuse dar cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.
«A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres», mentres que «a violencia vicaria é aquela que se exerce sobre a muller co fin de causarlle o máximo dano psicolóxico e padecemento a través de terceiras persoas, chegando ao seu grao máis elevado de crueldade co asasinato desas personas (fillos e fillas, nai, pai, parella actual…)», sinalou o Concello, que xunto coa Corporación condenaron firmemente estes actos e amosaron a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.