21 junio, 2024
A catedrática da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais e desde 2017 profesora ad Honorem da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Marilar Jiménez-Aleixandre, vén de gañar o Premio Luís Porteiro Garea na súa sétima edición. Este galardón recoñece publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade.
O xurado decidiu por unanimidade premiar a profesora Jiménez-Aleixandre polo seu compromiso e defensa da lingua galega no ensino das disciplinas científicas. Destacaron que é un símbolo na universidade, pioneira no ensino das ciencias en galego na Educación Secundaria e na elaboración de materiais didácticos desde 1976.
Tamén resaltaron o seu exercicio como docente na área de Didáctica das Ciencias Experimentais durante máis de vinte anos, onde combinou de maneira excepcional a dimensión humanística coa científica. “Recoñecida e premiada en todas as súas facetas, o seu compromiso co galego impregna toda a súa dedicación”, reza o ditame.
A catedrática ad Honorem recibiu o premio «cunha enorme alegría», pois recoñece «o meu compromiso co galego na Universidade, pero tamén a miña etapa na educación secundaria, e sobre todo no campo das ciencias». Afirma que «o galego é unha lingua que pode e debe ser utilizada no ensino das ciencias, e empregala supón establecer un modelo para o alumnado que conformará as vindeiras xeracións de docentes».
Tamén expresou a súa ledicia por compartir este premio con «persoas moi prezadas para min», como o profesor Manuel Bermejo, gañador da primeira edición e quen a acompañou nos seus comezos na USC, ou Margarita Ledo, gañadora da edición pasada, «amiga e compañeira».
Marilar Jiménez-Aleixandre foi autora do primeiro libro de didáctica das ciencias para a universidade, Dubidar para aprender, publicado en 1996. Impartiu docencia en galego en todas as materias das que se encargou, tanto no Grao de Mestre en Educación Primaria como no Mestrado de Secundaria. Ademais, é recoñecida pola súa obra como escritora de poesía, narrativa e ensaio, e polos seus numerosos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Narrativa. É membro de número da Real Academia Galega e destaca polo seu compromiso e activismo a prol da igualdade e defensa das mulleres, como testemuñan as súas publicacións en perspectiva feminista.
O galardón, que lembra e homenaxea a figura de Luis Porteiro Garea, profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou a primeira lección en galego da que se ten constancia o 16 de setembro de 1915, entregarase nunha cerimonia pública en setembro, coincidindo co aniversario desa histórica lección.
O xurado desta sétima edición estivo composto polo reitor Antonio López, quen delegou no vicerreitor Gumersindo Feijoo Costa, e por Rita Gradaílle Pernas, Manuel Núñez Singala, Patricia Regal López e Óscar Rodríguez Figueiras. En anteriores edicións, recibiron este recoñecemento Manuel Bermejo Patiño, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras e Margarita Ledo Andión.