26 septiembre, 2024
Marilar Aleixandre, profesora ad Honorem da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e recoñecida escritora, foi galardoada este xoves co VII Premio Luís Porteiro Garea, que distingue o seu compromiso coa normalización da lingua galega no ámbito universitario. No acto de entrega, Aleixandre destacou que aprender, ensinar e escribir en galego é «un acto político de resistencia» que comezou durante a ditadura franquista e segue vixente fronte ás actuais correntes que buscan frear o avance social e cultural. Para ela, este labor de promoción do galego é tamén «un acto de amor», enraizado no seu profundo compromiso coa lingua e a cultura galega.
Madrileña de nacemento, Marilar asentouse en Galicia en 1973, ano no que comezou a impartir clases de ciencias naturais en galego no Instituto do Calvario de Vigo, o que hoxe é o IES Castelao. Aleixandre subliñou que Galicia a «seduciu» e que foi a propia terra quen a trouxo e a fixo mergullarse no idioma. Ensinou ciencias naturais en galego, pescudando e aprendendo os nomes autóctonos de plantas, animais e minerais. Entre as palabras que salientou con orgullo, mencionou «setestrelo, píntega, curuxa, sabugueiro, ou fiúncho», voces que, segundo ela, reflicten o tesouro que é a lingua galega e que ela procurou transmitir ás xeracións máis novas.
Ademais da súa traxectoria no ensino, Marilar Aleixandre é unha figura destacada na literatura galega. O xurado do Premio Porteiro Garea resaltou o seu papel pioneiro na introdución do galego no ensino científico, comezando no ámbito da educación secundaria e despois na universidade, onde publicou materiais didácticos como o libro Dubidar para aprender en 1996. A súa aposta pola lingua galega tamén se reflicte na súa extensa obra literaria, tanto en poesía como en narrativa e ensaio, pola que recibiu numerosos galardóns, incluído o prestixioso Premio Nacional de Narrativa.
No acto de entrega do premio, celebrado na USC, o reitor Antonio López destacou o «compromiso e teima coa lingua galega» da profesora Aleixandre, exemplificando a súa inserción nunha cultura distinta da súa de orixe e o seu logro ao introducir o galego no ámbito das ciencias. López tamén destacou a necesidade de avanzar no uso do galego nas ciencias da saúde, un reto que a USC ten por diante. Pola súa banda, María López Sández, vicedecana da Facultade de Ciencias da Educación, eloxiou a premiada como «a figura idónea» para recibir o galardón, destacando a súa inusual combinación de formación humanística e científica, sempre coa lingua galega como eixe central do seu traballo.