29 septiembre, 2024
Este luns 30 de setembro, ás 18:00 horas, o Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela acollerá unha conferencia de gran interese científico e cultural: «Arqueoloxía e ciencia: o exército de terracota de Xi’an», impartida polo catedrático galego Marcos Martinón-Torres, profesor na Universidade de Cambridge. A charla, organizada polo mestrado interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencia da Antigüidade, está aberta ao público e será a sesión inaugural do curso académico.
O exército de terracota de Xi’an, descuberto en 1974, é unha das maiores maravillas arqueolóxicas do mundo, recoñecido pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade. Composto por miles de estatuas de guerreiros de terracota creados hai máis de 2.200 anos para o emperador Qin Shi Huang, esta impresionante obra histórica aínda hoxe segue a presentar interrogantes sobre o seu propósito e significado.
Marcos Martinón-Torres, un dos principais investigadores deste exército, abordará cuestións clave na súa conferencia, como a estratexia de Qin Shi Huang para consolidar o seu poder ou o enigma sobre o propósito de levar un exército de terracota á súa tumba. Tamén explorará as complexidades técnicas e logísticas detrás da súa construción.
Martinón-Torres, que ostenta a cátedra Pitt-Rivers de Ciencia Arqueolóxica en Cambridge, é coñecido pola súa aplicación de métodos científicos ao estudo de restos arqueolóxicos. Liderou proxectos de investigación en varios continentes, incluído o estudo do exército de terracota, así como investigacións sobre alquimia renacentista e metalurxia prehistórica. Con máis de 170 publicacións e recoñecido internacionalmente, foi o coorganizador da exposición sobre o exército de terracota no Museo Arqueolóxico de Alacante, a máis visitada na súa historia.