30 mayo, 2024
O Pleno municipal aprobou esta mañá a proposta da Alcaldía para crear unha comisión especial que analice a forma máis sustentable e eficiente de xestionar o ciclo da auga. Esta comisión estará composta por representantes de todos os grupos municipais e persoal técnico do concello. Tamén se aprobaron por unanimidade dúas declaracións institucionais: unha en apoio ás persoas afectadas pola ELA e outra con motivo do Día do Orgullo LGBTI+, o vindeiro 28 de xuño.
Unha vez constituída, a comisión especial elaborará un informe para propoñer o mellor modelo de xestión do ciclo integral da auga, tomando como referencia o estudo realizado en xullo de 2020. Ademais, poderá impulsar outros traballos necesarios para regularizar os servizos básicos de abastecemento de auga e saneamento, que actualmente se prestan de maneira precaria desde que venceu a prórroga do contrato.
A comisión estará presidida pola alcaldesa ou por un membro da Corporación en quen delegue, e composta por dous representantes de cada grupo municipal. Participarán tamén técnicos municipais con voz pero sen voto, incluíndo a Secretaría do Pleno, a Dirección da Asesoría Xurídica, a Intervención municipal, a Dirección da Área de Urbanismo e Infraestruturas, a Coordinación Xeral, a Xefatura de Sección de Saneamento e a Dirección da Área de Sustentabilidade e Servizos Básicos, que actuará como secretaria da comisión.
A comisión poderá requirir asesoramento técnico interno ou externo e informará ao Pleno dos seus avances e decisións.
Día do Orgullo LGBTI+
O Pleno tamén aprobou por unanimidade unha declaración institucional en apoio ás reivindicacións do Día do Orgullo LGBTI+, o 28 de xuño, en conmemoración da primeira marcha do Orgullo en Nova York en 1970, un ano despois da revolta de Stonewall, que marcou o inicio do movemento pola defensa dos dereitos das persoas LGBTI+.
A declaración destaca que Santiago leva décadas sendo un concello de acollida e epicentro de moitas reivindicacións transformadoras. O texto salienta a importancia de coñecer e rescatar as historias de discriminación, resistencia, solidariedade e loita colectiva para comprender a diversidade da sociedade e do concello.
A Corporación manifestou a súa preocupación polo incremento das agresións LGBTIfóbicas e a necesidade de destinar recursos materiais, económicos e persoais desde o ámbito municipal para a prevención de discriminacións e a atención ás persoas afectadas. Todos os grupos municipais comprometéronse a avanzar cara a un concello orgulloso, diverso e seguro, onde todas as persoas poidan ser libres en todos os ámbitos das súas vidas.
Entre as medidas recollidas, o Concello comprométese a apoiar as mobilizacións do 28 de xuño, mellorar a formación interna, revisar formularios municipais para garantir a igualdade no acceso aos servizos públicos, e continuar apoiando o Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGBTIfóbicas no ocio nocturno. Tamén se poñerá en marcha o Servizo de Asesoramento LGBTI+ e recuperarase a memoria LGBTI+ do concello.
Declaración en apoio ás persoas afectadas pola ELA
Os catro grupos municipais aprobaron unha declaración institucional que insta ás Cortes Xerais á tramitación da Lei ELA para que as persoas afectadas por esta doenza, as súas familias e coidadoras, reciban a cobertura sociosanitaria necesaria para vivir con dignidade.
A Corporación destacou que esta norma non debe ser anulada por trámites burocráticos ou outras prioridades lexislativas. Os municipios, como entidades públicas máis próximas á realidade da poboación, deben comprometerse coas persoas que máis precisan apoio.
O Concello comprométese a instar ao Estado a tramitar a proposición de lei de maneira urxente e prioritaria e solicita á Deputación Provincial da Coruña e á Xunta de Galicia que teñan en conta as necesidades das persoas afectadas ao deseñar e aplicar políticas para mellorar a súa calidade de vida. Expresa tamén a súa intención de continuar apoiando esta reivindicación ata que a norma sexa publicada e entre en vigor.
Outros asuntos
Por outro lado, o Pleno tamén aprobou por unanimidade a proposta do PP para crear unha campa de verán integrada para a conciliación familiar, así como as mocións do PP para instar á Deputación da Coruña a colaborar co Concello de Santiago mediante o servizo de teleasistencia domiciliaria, e a proposta conxunta do PSdeG-PSOE e PP para modificar o Regulamento de títulos, honras e condecoracións, co obxectivo de que a Alba de Compostela sexa un acto do Concello coa máxima participación e recoñecemento institucional.