O Ateneo de Santiago presenta o segundo concerto do VII Festival Ateneo Barroco - Foto DS
9 octubre, 2025
O Ateneo de Santiago presenta o segundo concerto do VII Festival Ateneo Barroco: «Le Grand Ballet. Danzas francesas na España barroca», a cargo de Ars Atlántica —Nadia Vázquez (musette), Anna Margules (frautas de pico), Calia Álvarez (viola da gamba) e Manuel Vilas (arpa de dúas ordes e dirección)— este próximo venres día 10, ás 20.00 h, no Teatro Principal de Santiago. As entradas poden mercarse na páxina web do festival: festivalateneobarroco.gal. Este concerto está programado en colaboración coa Quincena Musical de San Sebastián.
O programa pon o foco na influencia francesa no Barroco ibérico, especialmente visible na música instrumental e na danza, grazas tamén aos gustos cortesáns da época. Soarán danzas procedentes de fontes españolas dos séculos XVII e XVIII, co brillo de Jean Baptiste Lully como referente difusamente presente, xunto a nomes cruciais do ámbito hispano como José de Torres e Antonio Martín y Coll, ademais de Boismortier e Hotteterre, entre outros. A proposta viaxa do minueto á chacona, do branle ao rigaudon, en suites e divertimentos que recrean o cosmopolitismo musical peninsular.
Ars Atlántica, ensemble fundado en 2007 por Manuel Vilas, ofrece aquí un variado cadro tímbrico no que sobresae a musette —instrumento estrela da Francia do XVII hoxe pouco coñecido— e a frauta de pico, acompañadas pola viola da gamba e a arpa de dúas ordes, símbolo da tradición hispana. Nadia Vázquez, especialista internacional en musette; Anna Margules, referencia da frauta de pico e da creación contemporánea; Calia Álvarez, catedrática e intérprete destacada en música antiga; e Manuel Vilas, arpista e investigador de primeiro nivel, asinan unha lectura que combina erudición, recuperación histórica e emoción escénica.