29 octubre, 2025
Edicións Laiovento e o Grupo Galabra da Universidade de Santiago de Compostela organizan a presentación do novo libro de José Carlos Bermejo Barrera, As guerras entre a retórica e a violencia. O acto celebrarase hoxe, mércores 29 de outubro, ás 12.00 horas, na Sala Académica da Facultade de Filoloxía (avenida de Castelao, s/n) de Santiago de Compostela.
Catedrático de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela e un dos intelectuais galegos máis lúcidos e respectados, Bermejo Barrera combina o rigor académico cunha mirada crítica e profunda sobre a historia e o pensamento occidental. Habitual colaborador de Diario de Santiago, o autor destaca polo seu pensamento analítico e a súa capacidade para interpretar a actualidade política e social desde unha perspectiva histórica.
Xunto ao autor participarán a profesora de Filosofía Moral e Política da USC, María Xosé Agra; o decano da Facultade de Filoloxía, Elías Torres Feijó; e Afonso Ribas, en representación de Edicións Laiovento.
As guerras entre a retórica e a violencia, publicado por Edicións Laiovento dentro da súa colección de ensaio, conta con 204 páxinas e afonda na relación entre palabra, poder e destrución, cunha análise tan brillante como necesaria nestes tempos convulsos.
Ficha do libro
As guerras entre a retórica e a violencia.
José Carlos Bermejo Barrera.
Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2025.
As guerras foron as formas de organizar socialmente a violencia para conseguir fins económicos, sociais, políticos e relixiosos, e estiveron omnipresentes desde os inicios da historia. Nunca foron fins en si mesmas, senón medios para acadar outros obxectivos; e desde hai milenios caracterizáronse por incrementar o seu poder destrutivo sobre as persoas e os bens, xerando millóns de vítimas nos campos de batalla e nas poboacións non combatentes, sendo as principais as mulleres e os nenos.
As guerras teñen dúas caras: a guerra vivida nos corpos das persoas e a que se representa, xa sexa nas epopeas, nos relatos históricos ou nos pensamentos dos filósofos, militares e líderes relixiosos, que ao longo do tempo encirraron o odio e a intolerancia entre distintos credos, culturas e grupos étnicos.
Quen gobernou, e segue a gobernar, o mundo cre que pode controlar as consecuencias das guerras para o seu propio beneficio. Porén, desde a I Guerra Mundial o desenvolvemento industrial fixo posible a produción de innumerables armas cunha capacidade masiva de destrución, que fixeron medrar exponencialmente o número de mortos nos campos de batalla, e moito máis o das vítimas civís, que na II Guerra Mundial foron xa dúas de cada tres.
Vivimos un momento histórico no que a tensión bélica entre as superpotencias acadou a súa cota máis perigosa desde 1945, cando se lanzaron as dúas únicas bombas atómicas ata o de agora utilizadas. Preténdese facer crer á poboación que unha guerra nuclear limitada é posible, controlable e mesmo beneficiosa para combater supostos tiranos que, desde un punto de vista militar, non son peores ca aqueles que din querer defendernos. Este novo discurso belicista é posible porque a sociedade é incapaz de xestionar os incesantes fluxos de información que recibe cada día, debido á perda crecente do sentido crítico e á renuncia á liberdade en nome do benestar.
Este libro presenta unha teoría xeral da guerra na historia e sinala as diferenzas entre as guerras reais, as guerras vividas e as guerras representadas. Estas últimas, promovidas por quen controla o poder político e económico, son posibles grazas á retórica da guerra, que transforma o horror en gloria e permite permanecer cegos diante do sufrimento alleo. Ese mecanismo é o que o autor analiza nas retóricas da “III Guerra Mundial” e do “antifranquismo”, estudadas e denunciadas neste volume. En contraste, o capítulo sobre a guerra nos corpos das mulleres deixa patente a realidade do sufrimento corporal das vítimas.
Estamos diante dun libro necesario, case imprescindible, que invita á reflexión, á reivindicación da dignidade e á defensa da liberdade. Un libro que anima á procura do saber e á loita contra a noite e a néboa da desinformación nun mundo que se cre ben informado.