28 septiembre, 2024
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, presidirá este luns, 30 de setembro, ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Relacións Laborais, a presentación do libro En la brecha del sexo: por un trabajo de igual valor, escrito por Javier Carballo de Jesús e editado pola Fundación Luís Tilve. No acto participarán tamén a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz Delgado, e a vicedecana da Facultade de Relacións Laborais, Silvia Moscoso Ruibal.
O autor, graduado en Relacións Laborais pola USC e estudante de doutoramento, analiza nesta obra a fenda salarial entre homes e mulleres, explorando as causas estruturais que perpetúan esta desigualdade e propoñendo medidas e accións para combatela. O libro busca destacar os factores que contribúen a esta inxustiza e a necesidade de cambios profundos para lograr unha igualdade laboral real e efectiva.
En la brecha del sexo inclúe un prólogo escrito pola ex ministra Carmen Calvo e aborda a igualdade laboral e retributiva desde unha perspectiva xurídica, ofrecendo un mapa de recursos do ordenamento xurídico español. Ademais, o autor subliña o papel crucial dos sindicatos e da negociación colectiva como ferramentas para avanzar cara á equidade no ámbito laboral. A obra representa unha chamada de atención sobre a urxencia de pechar a fenda de xénero e garantir o principio de «traballo de igual valor, salario igual».