4 julio, 2024
O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acollerá este venres 5 de xullo a partir das 12.30 horas a inauguración oficial da Cátedra Institucional Rosalía de Castro da USC, cuxa creación foi aprobada no Consello de Goberno da USC o pasado mércores 11 de outubro.
A cátedra, froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, dedicarase ao estudo académico e crítico da obra e figura da escritora nas súas múltiples dimensións, buscando reforzar a súa proxección e coñecemento tanto no ámbito galego e peninsular como a nivel internacional.
«A intención de promover achegas sobre a autora dende perspectivas e paradigmas renovadores será unha prioridade, pero sen esquecer a atención a aspectos máis tradicionalmente filolóxicos», sinalou a USC.
Nesta liña, no mesmo acto, concederase a Insignia de Ouro da USC a Catherine Davies, quen ofrecerá a lección inaugural ‘Rosalía de Castro e Cuba’. Catherine Davies é na actualidade profesora emérita da Universidade de Londres, cargo co que culmina unha longa carreira académica nas universidades de St Andrews, Manchester, Nottingham e Queen Mary. O seu labor investigador céntrase na historia cultural e literaria de España e Hispanoamérica nos séculos XIX e XX. A obra e o contexto socio-ideolóxico de Rosalía de Castro constituíron unha das liñas básicas do seu traballo desde a realización da súa tese de doutoramento, que defendeu na Universidade de Glasgow en 1984.