4 septiembre, 2024
O Claustro Alto do Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela acolle dende este xoves 5 de setembro a exposición ‘Miradas. Mulleres na arte’, unha mostra da artista Elsa Martínez que busca reivindicar e homenaxear a aquelas mulleres que destacaron no mundo da arte, tanto ás recoñecidas como ás que quedaron no anonimato.
A inauguración, que terá lugar ás 13.00 horas, marca o inicio dunha exposición que pretende poñer en valor o traballo e o talento das mulleres artistas ao longo da historia, moitas das cales foron invisibilizadas pola sociedade androcéntrica. «A realización deste proxecto xurdiu coa idea de dar visibilidade a esas artistas que, a pesar dos límites e imposicións sociais, lograron importantes contribucións no mundo da arte, aínda que moitas delas fosen esquecidas posteriormente», explica Elsa Martínez.
A mostra reúne 41 retratos de mulleres pertencentes a diferentes disciplinas artísticas, como a pintura, a escultura, a literatura e o cine, que abarcan dende o século XVI ata o XX. Martínez emprega diversas técnicas para a creación das obras, incluíndo acrílico, collage, lapis, acuarela e mesmo plastilina utilizada de xeito innovador como técnica pictórica. «Busquei capturar a mirada das artistas, coa intención de que a esencia de cada unha delas permaneza indeleble no tempo», engade a artista.
Entre as mulleres retratadas na exposición destacan figuras como M.ª Louise Élisabeth Vigée Lebrun, Sofonisba Anguissola, Camille Claudel, Daphne du Maurier, Leonora Carrington, Gerda Wegener, Frida Kahlo, Pier Angeli, Virginia Woolf e Maruja Mallo.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 31 de outubro de 2024, en horario de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas. O acceso é libre e de balde, ofrecendo a oportunidade de descubrir e reflexionar sobre o legado destas mulleres na historia da arte.